sábado, 28 de novembro de 2026

Renovando a biblioteca a través da arte

O equipo da BiblioCarballeira está a participar nun curso de formación titulado «Renovando a biblioteca a través da arte», no que exploramos novas posibilidades de creación artística a partir dos propios fondos da biblioteca.

Da man de Lucía Romaní, artista plástica, doutora en Belas Artes e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, achegámonos ao concepto de libro de artista a través do obradoiro «Salto de páxina. Unha aproximación ao Libro de Artista».

A proposta combina unha aproximación teórica á orixe, evolución e características dos libros de artista cunha parte práctica na que o libro se converte en materia prima para a creación de pezas orixinais: libros-obxecto, libros-escultura, libros-poema...

Un dos aspectos máis interesantes desta formación é a reutilización dos libros procedentes do expurgo da nosa biblioteca. Exemplares que xa non forman parte da colección atopan unha segunda vida mediante a intervención artística, adquirindo novas formas, significados e posibilidades expresivas.

Deste xeito, combinamos arte, creatividade e sustentabilidade, ao tempo que descubrimos novas propostas que poderemos trasladar ao noso alumnado.

Seguimos aprendendo, experimentando e buscando novas maneiras de encher de vida a nosa biblioteca.




 

Ningún comentario:

Publicar un comentario