Rss Feed
  1. DÍAS DAS BIBLIOTECAS: CAPÍTULO 5

    venres, 29 de outubro de 2021

     E rematamos con Borja, profesor pertencente ao departamento de Lingua e Literatura castelá. Tocoulle o inconmensurable pracer de pechar esta grande semana.

    Borja tráenos un libro dun deses autores que antes ou despois ten que pasar polas nosas mans: El libro de los abrazos de Eduardo Galeano.



    "Este libro del autor uruguayo  es una recopilación de relatos que os harán sonreír y os emocionarán; textos tiernos y duros, breves y a la vez profundos; cuentos sobre el amor y la guerra, la cultura, la política o la burocracia, sobre la vida y la muerte, textos sobre la soledad y la amistad. Son relatos adictivos, que enganchan y están escritos con esa sencillez solo al alcance de los más grandes"


    E agora... tocaravos pasar pola biblio e aceptar algunha das recomendacións, non? 


  2. DÍA DAS BIBLIOTECAS: CAPÍTULO 4

    xoves, 28 de outubro de 2021

    E seguimos con esta cadea na que están saíndo títulos ben interesantes. Esta vez é a quenda de Montse do departamento de Bioloxía e Xeoloxía.

    Desta vez tráennos un libro xa máis entrado en anos: El viento de la luna de Antonio Muñoz Molina.




    "Recoméndovos esta novela que conta a vida dun adolescente dunha aldea labrega andaluza na España de 1969, na que semella que o tempo se detivo no pasado. Dun xeito moi íntimo describe a súa transición cara á madurez.

    A misión espacial Apolo XI é o pano de fondo desta historia. Mentres o protagonista asiste alucinado á chegada do primeiro home á Lúa, comeza a súa propia viaxe persoal, cuestionándose e rebelándose contra o seu entorno."


    E mañá si que xa rematamos co ciclo de propostas!


    Pero.... A quen lle toca pechar isto? 


  3. DÍA DAS BIBLIOTECAS: CAPÍTULO 3

    mércores, 27 de outubro de 2021

    E hoxe, enleada por Ignacio, tócalle a Lola, parte do departamento de Xeografía e Historia.

    Tráenos un libro que saíu publicado no 2016 e que o petou nada máis ser editado por tratar un tema sempre polémico e morboso; o marabilloso e ultravendido Patria de Fernando Aramburu.



    "Recomendo este libro porque o autor reflicte, sen tomar partido, unha realidade moi recente e dura da nosa historia, a do terrorismo de ETA, e a longa andadura de dúas familias inmersas nesa realidade."

    Vós, que sodes novos e isto vos sona a chinés, tedes neste novela un bo lugar no que pescudar a realidade dunha época pasada que aínda pesa moito socialmente.

    Para os moi lacazáns, o libro foi tamén adaptado e convertido nunha serie .... pero onde estea o libro que se quiten as adaptacións televisivas!



    E xa chegamos ao ecuador desta semaniña tan intensa...

    A quen lle tocará mañá?!

  4. DÍAS DAS BIBLITOECAS: CAPÍTULO 2.

    martes, 26 de outubro de 2021

    Onte deixámosvos coa intriga de saber quen sería o noso seguinte recomendador pero ... xa vos adianto que esta vez enredamos a Ignacio membro do departamento de Inglés.



    Vese que nos coñece e non se atreveu a propoñer un libro en inglés...

    Ignacio tráenos a novela A flor de piel de Javier Moro.

    "Recoméndovos esta historia na que os protagonistas e os verdadeiros heroes son os máis fráxiles. Unha aventura humanitaria en tempos de pandemia que salvou miles de vidas. É unha novela apaixonante e excepcional, coma todas as deste autor."

    O libro está na biblioteca; libre e a espera de que alguén lle acepte a proposta a Ignacio.

    E mañá mércores.... a que enlearemos para que nos faga a súa proposta? 

  5. Día das bibliotecas: Capítulo 1

    luns, 25 de outubro de 2021

    O 24 de Outubro celébrase o día das bibliotecas, e como a nós un día nos parece pouco, imos festexalo toda a semana!!!


    - E como o imos facer? 
    - Pois fácil e sinxelo.

    Cada día un profesor diferente vai pasar por aquí para recomendarvos un libro.

    A primeira vai ser Fernanda, que para iso bota máis tempo na biblioteca cá algún dos libros!

    O libro que nos trae chámase Que hostia din os rumorosos? do grupo poético Rompente.



    "Recomendo este libro de poesía (e máis) porque supón a recuperación da voz de tres grandes poetas da década dos 70 do pasado século.

    Antón Reixa, Manuel Romón e Alberto Avendaño fundaron en 1975 o Grupo de Comunicación Poética Rompente que publicaba poesía cunha técnica de impresión coñecida como "vietnamita".

    Revolucionaron o universo poético galego no seu tempo na forma, na temática e na lingua. Agora volven a nós cunha pregunta que levamos décadas remoendo, que hostia din os rumorosos?"


    E mañá..... a quen lle tocará mañá?!

  6. Día das escritoras 2021

    luns, 18 de outubro de 2021


    A Biblioteca Nacional de España celebra a sexta edición do Día da Escritora, unha incentiva organizada en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, co obxectivo de reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia.

    Esta sexta edición conta co comisariado da poetisa e filósofa Marifé Santiago Bolaños, quen elixiu o tema Ler as idades da vida.

    Para festexar o día, tanto o profesorado como o alumnado compartiu imaxes lendo diferentes libros de escritoras do panorama internacional. Aquí vos deixamos algunhas delas.