Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

luns, 25 de maio de 2026

Resolución do concurso de poesía escurecida

📝 ✒️✨ A poesía apareceu entre as palabras

Na BiblioCarballeira xa coñecemos as propostas gañadoras do concurso “Para brillar na escuridade”, organizado con motivo das Letras Galegas 2026 que conmemoran a figura de Begoña Caamaño.

Ao longo destes días, o alumnado participou nunha actividade de poesía escurecida, creando novos poemas a partir de textos xa existentes mediante a selección e ocultación de palabras. O resultado foi unha colección de composicións moi orixinais nas que se combinaron lectura, creatividade e expresión artística.

O xurado quere destacar, sobre todo, o enorme nivel e implicación das persoas participantes: houbo 93 proposas a concurso!

📚✨ Grazas a todas as persoas que decidiron buscar poesía entre as páxinas e facer brillar novas palabras desde a escuridade.

📸 Deixámosvos unhas imaxes das obras premiadas:




 

mércores, 29 de abril de 2026

Para brillar na escuridade: concurso de poesía escurecida

✒️ Co gallo das Letras Galegas 2026, dedicadas a Begoña Caamaño, na BiblioCarballeira lanzamos unha proposta creativa e diferente: o concurso de poesía escurecida (blackout poetry) baixo o lema “Para brillar na escuridade”.

Esta técnica consiste en crear un poema a partir dun texto previo, seleccionando palabras e ocultando o resto. O resultado é unha nova composición poética que combina lectura, interpretación e creación artística.

A participación é individual e o xurado valorará tanto a orixinalidade e coherencia do texto como a parte plástica da proposta.

📅 Prazo de entrega: ata o recreo do venres 15 de maio
📍 Entrega: na biblioteca
🎁 Haberá premios en vales de 20 €, 10 € e 5 €

Animamos a todo o alumnado a participar e dar renda solta á súa creatividade.

xoves, 9 de novembro de 2023

Premiados na VI edición do concurso literario "Cambados, mar de letras"

Esta semana chegaron boas novas ao noso IES: soubemos que Óscar, alumno de 2.º Bacharelato, foi merecedor do primeiro premio na VI edición do concurso literario "Cambados, mar de letras", na categoría de poesía.

Hoxe celebrouse, no salón de actos do IES Francisco Asorey de Cambados, a cerimonia de entrega de premios. Ata aló foi Óscar xunto cunha delegación do centro para darlle o seu apoio. E ben que fixo falla, que o trofeo pesaba un quintal!

Cando xa estabamos alí as boas novas continuaron. Resulta que no momento no que se deron a coñecer os accésits, entre eles figuraba Iago, tamén alumno de 2.º Bacharelato no noso centro.

Dende aquí, os nosos parabéns a ambos polo seu labor literario! E oxalá que continúen coa escrita, isto só debe servir coma un pulo para seguir desenvolvendo as súas dotes literarias.






martes, 21 de marzo de 2023

Dia Mundial da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, coma todos os 21 de marzo dende o ano 1999, é o Día Mundial da Poesía. Dende o equipo da Biblioteca non puidemos resistirnos á tentación de sumarnos aos festexos, e mirade que vídeo tan fermoso elaborou o alumnado de 3.º ESO. Súas son as voces, mentres que o texto é de Chus Pato. 




mércores, 23 de novembro de 2022

Presentación de 'Cartografía dos nomes'

O próximo luns ao acabar as aulas teremos a presentación do libro 'Cartografía dos nomes' da nosa compañeira a profesora e poeta Lucía Durán Paredes. Presentará o acto a profesora Fernanda González Briones. Trátase dun libro de poemas publicado pola editorial Apiario e gañador do premio Filomena Dato no 2021. Será, como non, na Biblioteca e comezará ás 17:45 do luns 28 de novembro. Estades todos e todas convidadas a vir!



xoves, 8 de outubro de 2020

 


                                                POESÍA DE CORENTENA


Dende o departamento de Lingua e Literatura Galega, durante o pasado confinamento propuxémoslle ao alumnado que plasmase os seus sentimentos e emocións en palabras. 

De aí xurdiron estes fantásticos poemas que nos lembran un momento xa pasado que agardamos non volver vivir.

Moitas grazas a todas e a todos por emocionarnos!