xoves, 8 de outubro de 2026

Volve a Hora de Ler: 20 minutos para descubrir novas historias

📚 Co inicio do novo curso, no IES Johan Carballeira retomamos a Hora de Ler, unha iniciativa de fomento da lectura coa que queremos consolidar o hábito lector entre o alumnado e facer dos libros unha parte habitual da vida do centro.

A actividade comezará o 13 de outubro e consistirá en dedicar 20 minutos dunha clase á lectura individual e silenciosa. Cada semana cambiará a hora na que se realiza, seguindo o calendario establecido, para repartir a actividade entre as distintas materias.

O alumnado poderá traer un libro da casa, collelo en préstamo na biblioteca durante os recreos ou escoller un dos dispoñibles no armario da aula. Durante este tempo leremos libros, sen empregar ordenadores, revistas ou xornais, e respectando o silencio necesario para que todas as persoas poidan concentrarse.

Ademais, animamos o alumnado a variar as súas lecturas: narrativa, poesía, banda deseñada, ficción, non ficción… Hai moitos xéneros e temáticas por explorar, e cada persoa pode atopar libros que esperten a súa curiosidade.


Por que é importante ler cada día?

A lectura contribúe a mellorar a comprensión, a fluidez lectora, a concentración e o vocabulario. Ademais, estimula a creatividade, favorece a aprendizaxe e permítenos coñecer outras realidades.

Non fai falta dedicar moito tempo para notar os beneficios. Por exemplo, lendo 20 minutos diarios durante todo un ano, a un ritmo orientativo de 150 palabras por minuto, poderiamos chegar a ler máis dun millón de palabras.

Desde a BiblioCarballeira convidamos a todo o alumnado a aproveitar esta oportunidade para descubrir o pracer de ler e atopar novas historias que o acompañen ao longo do curso.

Porque cada minuto de lectura conta. 📖