Amosando publicacións coa etiqueta benvida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta benvida. Amosar todas as publicacións

venres, 18 de setembro de 2026

Benvidas e benvidos á BiblioCarballeira!

Co comezo do novo curso, a biblioteca abre as súas portas ao alumnado de 1.º da ESO cunha actividade de formación de usuarios e usuarias. O obxectivo é que coñezan dende o primeiro momento todos os recursos e servizos que teñen á súa disposición e que aprendan a moverse con soltura por este espazo.

Durante a sesión descubrimos como funcionan os préstamos, quen os xestiona, como localizar un libro nos andeis mediante a súa clasificación, como consultar o catálogo OPAC e que normas fan da biblioteca un lugar agradable para estudar, ler e compartir. Tamén presentamos iniciativas como a Hora de Ler, os clubs de lectura, o servizo de préstamo dixital E-LBE.2 e o equipo de voluntariado da biblioteca.

Para rematar, o alumnado participa nun pequeno reto por equipos no que debe localizar distintos libros e poñer en práctica todo o aprendido. Unha forma divertida de familiarizarse coa biblioteca e de comprobar que atopar unha boa lectura tamén pode ser unha aventura. 

Desexámoslles un magnífico curso e agardamos velos moi pronto entre os andeis da BiblioCarballeira 📚


 


 

mércores, 2 de setembro de 2026

Benvida ao curso 2026/2027

 A biblioteca do IES Johan Carballeira inicia un novo curso con moita ilusión e con ganas de seguir sendo un espazo de encontro para toda a comunidade educativa.

Nos próximos meses volverán os clubs de lectura, as exposicións, os concursos, as recomendacións lectoras, as actividades arredor das efemérides, o xadrez, as novidades bibliográficas e moitas outras propostas coas que queremos facer da biblioteca un lugar vivo, acolledor e cheo de oportunidades para aprender, descubrir e compartir.

Convidámosvos a achegarvos á BiblioCarballeira, explorar os seus fondos, participar nas actividades e facer da lectura unha compañeira de viaxe ao longo de todo o curso.

Bo curso 2026/2027! 📚


 


luns, 15 de setembro de 2025

Recibimento do alumnado de 1.º da ESO na Biblioteca

O inicio da etapa no instituto trae consigo moitas novidades, e unha das máis especiais é descubrir a nosa biblioteca escolar. Estes días recibimos ao alumnado de 1.º da ESO para coñecer de preto este espazo que, máis alá dun lugar de estudo, é tamén un punto de encontro, de intercambio e de creatividade. Lemos libros, xogamos a xogos de mesa, participamos en concursos...

Durante a visita explicámoslles como está organizada a biblioteca, como funcionan os préstamos e devolucións e algunhas actividades que se van desenvolver ao longo do curso. Tamén descubriron os recantos de lectura, os xogos de mesa e os centros de interese.

Con este recibimento queremos que se sintan parte da comunidade lectora do IES Johan Carballeira e que vexan a biblioteca como un lugar propio no que aprender, compartir e crecer.

martes, 2 de setembro de 2025

Un novo curso e retomamos o blog

Comezamos un novo curso escolar, o 2025/2026. Un ano máis chega cargado de ilusións, retos e proxectos. A Biblioteca Escolar do IES Johan Carballeira quere ser, unha vez máis, un espazo aberto á lectura, á información, á aprendizaxe e á convivencia.

Este blog retoma a súa actividade para compartir convosco novidades, recomendacións lectoras, propostas de dinamización, actividades culturais e recursos que poidan enriquecer o día a día do noso alumnado e profesorado.

Queremos que a biblioteca siga a ser un lugar de encontro, de descubrimento e de creación, onde todas as persoas teñan cabida. Aquí atoparedes información práctica sobre o funcionamento da biblioteca, pero tamén propostas para participar, colaborar e gozar coa lectura e coa cultura.

Agardamos a vosa visita, tanto no espazo físico da biblioteca como neste espazo virtual. Contamos convosco para facer da nosa biblioteca un lugar vivo, participativo e sempre en movemento.

Lembrade que nos podedes seguir en Instagram, e tamén podes consultar unha presentación da biblioteca na páxina web do noso centro. 

Benvidas e benvidos ao novo curso. Imos enredar xuntos entre libros, historias e aprendizaxes!