venres, 23 de outubro de 2020

Encontro literario con Carlos Negro.

 

 


O pasado mércores 21 de outubro visitou o noso centro o poeta galego Carlos Negro, un magnífico escritor que a través de diversos poemas nos fixo sentir o que a el lle transmite a poesía. O alumnado de 4º da ESO tivo a oportunidade de gozar deste encontro e de coñecer con profundidade a orixe e as ideas que levaron ao autor a escribir Aplicación Instantánea, unha lectura proposta dende o Departamento de Lingua Galega co fin de que agromasen sentimentos e que os discentes se achegasen á poesía dun xeito entretido


 

Carlos Negro fíxonos comprender que mediante a poesía se poden expresar emocións ou formas de pensar que non somos capaces de explicar con facilidade, e por outro lado que un poema non ten por que ser interpretado da mesma maneira polos demais lectores. Estas e moitas outras ideas, as declamacións dos poemas e a ilusión e vivacidade que transmite o poeta fixeron deste encontro unha experiencia enriquecedora.



Carmen Castro Recamán.

4º ESO A.

luns, 19 de outubro de 2020

xoves, 8 de outubro de 2020

 


                                                POESÍA DE CORENTENA


Dende o departamento de Lingua e Literatura Galega, durante o pasado confinamento propuxémoslle ao alumnado que plasmase os seus sentimentos e emocións en palabras. 

De aí xurdiron estes fantásticos poemas que nos lembran un momento xa pasado que agardamos non volver vivir.

Moitas grazas a todas e a todos por emocionarnos!






















luns, 5 de outubro de 2020

Benvidas a todas as novas persoíñas que ides formar parte da nosa Biblio Carballeira!



A semana pasada os grupos de 1° ESO visitaron a biblioteca para coñecela e aprender a localizar o material. 




Ademais, contáronnos como eran as bibliotecas dos seus anteriores centros educativos e como facían alí o seu labor de voluntariado. Aproveitamos tamén para entregarlles os seus diplomas acreditativos, agradecerlles o traballo feito o curso pasado e animalos a participar do voluntariado da Biblio Carballeira. 







Marcharon co seu número identificativo, que lles permitirá levar libros e outros materiais, e sabendo que aquí terán sempre un espazo para gozar durante o tempo de lecer. 


Moitas grazas!

martes, 29 de setembro de 2020

Incerto e deseado curso 2020/2021... ARRINCAMOS! (PROTOCOLO COVID19)

 Desde hoxe a nosa Biblio Carballeira abre a súas portas durante os recreos para que poidades usala. Iso si, con certas medidas que podedes consultar neste protocolo:



PROTOCOLO COVID-19 PARA O USO DA BIBLIOTECA DO IES JOHAN CARBALLEIRA.

 

Pretendemos, en primeiro lugar, que neste curso 2020/21 que comeza a nosa biblioteca continúe a ser o espazo de referencia para a lectura, a información e as aprendizaxes, e siga ofrecendo oportunidades diversas de acceso a estas para beneficio de toda a comunidade educativa.

Somos conscientes do reto que supón este incerto momento de pandemia no uso seguro deste espazo común e, por iso, desenvolvemos un protocolo inicial que poderá ser avaliado, puntualizado ou mellorado segundo o desenvolvemento do inicio de curso.

O equipo da biblioteca planificará os distintos escenarios que se poidan dar ao longo do curso, incluída a posibilidade de cese das actividades presenciais.

MEDIDAS:

  1. Entrada:

  • É obrigatorio o emprego de máscara e desinfección de mans con xel hidroalcohólico ao entrar.

  • A biblioteca permanecerá aberta durante os recreos.

  • As portas estarán abertas e seguirase o itinerario marcado polas pegadas do chan para efectuar a entrada e a saída (camiña sempre pola túa dereita).



  1. Permanencia na sala de lectura:

  • A capacidade máxima é de 25 persoas, que deberán manter en todo momento a distancia de seguridade.

  • Se vés a estudar ou ler usa un dos postos sinalizados e lembra desinfectalo cando marches.



  1. Servizo de préstamo:

  • Se vés buscar un libro específico, pregúntalle por el á profesora.

  • Se queres botar un ollo, evita tocar os andeis e os libros que non vas levar.

  • Recorda que se queres ler un libro pero non sabes cal, a profesora que está na biblioteca pódeche asesorar segundo as túas preferencias.

  • Os materiais devoltos deberán permanecer separados, a efectos de prevención, un prazo de 24 horas (agás que as autoridades sanitarias, educativas e do ámbito bibliotecario estipulen outros prazos maiores). É dicir, devólvense un día e colócanse ao día seguinte.



  1. Medidas de hixiene:

  • Ventilación: Dado que a ventilación é unha das medidas máis eficaces para minimizar a transmisión, teremos as xanelas abertas o máximo tempo posible. En caso de que a meteoroloxía non o permita, ventilarase cada hora a biblioteca durante 5 minutos como mínimo.

  • Cada responsable da biblioteca limpará o mostrador e o teclado antes e despois da súa estancia, así como os materiais que usase: cadeira, tesoiras, cinta adhesiva, bolígrafos, etc.

  • Uso obrigatorio do xel desinfectante á entrada e á saída para todos/as os/as usuarios/ as sen excepción (docentes, non docentes e alumnado).



  1. Materiais para levar a cabo estas medidas:

  • Dispensadores de xel e desinfectante para limpar os postos.

  • Panos desbotables.

  • Cintas para marcar os postos que non se poden utilizar.

  • Pegadas para marcar o itinerario no chan.









martes, 30 de xuño de 2020

BOAS VACACIÓNS!


O EQUIPO BIBLIOCARBALLERIA DESPÍDESE ATA O CURSO QUE VÉN.
GRAZAS POR UN CURSO CHEO DE LECTURAS COMPARTIDAS, DE CONSULTAS, DE ACTIVIDADES.
 XUNTAS CHEGAREMOS TAN LONXE COMO O FAN AS NOSAS SEMPITERNAS LECTURAS.