Rss Feed
  1. Os epitafios, vistos para sentencia

    venres, 28 de outubro de 2022

    Hoxe venres 28 remataba o prazo para a entrega dos epitafios. Un concurso que se anunciaba neste mesmo blog a semana pasada, e que obrigou ao alumnado a sacar o máximo partido do seu enxeño. Por sorte, foron moitas as que o conseguiron.

    Con case medio centenar de participantes, o labor do xurado está sendo titánico, hercúleo, e contan as lendas que algún dos seus membros se atopa agora mesmo vagando polos corredores, a modo de zombi: mirada perdida, andar errático, palidez nívea. Por favor, se atopades a alguén nese estado, axudádelle a regresar á biblioteca, onde inexorablemente debe decidir a súa selección por moi complicado que resulte escoller entre tal abano de opcións.

    Os epitafios están expostos na biblioteca, e así todo o mundo pode pasar por alí para gozar da imaxinación do noso alumnado. Hainos de moitos tipos: divertidos, retranqueiros, reflexivos, ecoloxistas, artísticos... para todos os gustos, vaia. Velaquí unha mostra, pero non te contentes coa foto e visita a exposición para degustalos in situ. Deixarémolos a semana que vén nese mesmo sitio para que ninguén quede sen a oportunidade de coñecer estes magníficos exemplares.









  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario