Rss Feed
  1. Celebrando o día das Bibliotecas

    sábado, 22 de outubro de 2022

    Chega xa o luns 24 de outubro. Non é un día calquera, non. Cada 24 de outubro celebramos o día das Bibliotecas, con sincera alegría e con inevitable certo rebumbio.

    Neste ano 2022 o fío condutor é BiblioTEcuida, e o cartaz conmemorativo foi elaborado pola fantástica artista gráfica Xulia Vicente. Se non coñeces o seu traballo, pincha sobre o seu nome e prepárate para marabillarte.



    A idea de BiblioTEcuida nace para destacar o papel das bibliotecas coma espazos abertos e libres que se preocupan por atender ás persoas mediante diversos servizos e recursos procurando ser sempre integradoras.

    Calquera membro da comunidade educativa pode achegarse á Biblioteca do IES Johan Carballeira e procurar algunha opción que lle preste, que entreteña e enriqueza. Que non a atopas? Ponte en contacto con alguén do equipo da biblioteca, estaremos encantados de asistirte no proceso de busca para que non quedes coas mans -e a mente- baleiras.

    Pensa que a lectura ten o poder de impactar directamente no desenvolvemento e no mantemento das capacidades cognitivas dunha persoa, o cal redunda no seu benestar e na súa saúde mental. Aproveitemos este día de celebración para manifestar o noso amor polos libros, e para visibilizar e destacar o importante rol que asignamos ás bibliotecas.


  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario