martes, 27 de setembro de 2022

Os nenos da varíola no Proxecto Competencial

Na materia Proxecto Competencial, o alumnado de 1.º ESO A utilizou proveitosamente o espazo que ofrece a nosa biblioteca. Levaron a cabo, na mañá de hoxe, a scape room 'Feito na casa', no transcurso da cal tiñan que atopar varios exemplares do libro 'Os nenos da varíola'.

Sabes quen escribiu ese libro? Coñeces a interesantísima historia que nel se conta? Algunha vez escoitaches falar de Isabel Zendal?

Se a túa resposta ás anteriores preguntas é que non... deixa de esperar, acode á biblioteca para pedir o libro en préstamo e mergúllate neste fascinante relato.








martes, 13 de setembro de 2022

Con azos renovados


Chega un novo setembro, e a biblioteca do IES Johan de Carballeira está de volta. Xa estamos comezando a pensar nas actividades que se celebrarán este curso.

Coma sempre, a biblioteca pode ser o teu espazo de referencia: un lugar aberto a todas para ler, para compartir, para aprender.

Lembra que nos podes seguir en Instagram, e tamén podes consultar unha presentación da biblioteca na páxina web do noso centro. 

venres, 20 de maio de 2022

Visita á Expotaku!

 Os membros do clube de lectura manga viaxou Á Coruña para gozar da Expotaku!

A foto dá boa mostra do ben que o pasamos!



mércores, 4 de maio de 2022


 Co gallo do Día das Letras Galegas, que se celebra cada 17 de maio, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Equipo da Biblioteca e os Departamentos de Lingua Galega e Literatura e de Música do IES Johan Carballeira convídanvos a encher as redes sociais de música en galego.

Quen dixo que en galego só existe música tradicional? Trap, pop, rap, reguetón, rock, indie, folc....o galego é a lingua empregada por numerosos grupos e artistas para a súa música. Animádesvos a coñecelos e presentárllelos ás vosas seguidores e seguidoras?

Durante esta semana, semana das Letras Galegas, propoñémosvos penduras nas vosas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter, Tik Tok...) cancións en galego dos estilos que máis vos gusten; podedes acompañalas do que queirades (imaxes, textos, vídeos....), pero sempre debedes publicalas co cancelo #carballeiraaritmodasletras e etiquetando a @bibliojcarballeira, para poder compartir.

Ademais, se empregades o Facebook ou o Instagram, podedes nomear tamén ao instituto (IES Johan Carballeira en Facebook e @iesjcarballeira no Instagram)

domingo, 20 de marzo de 2022

Día da poesía (3º parte)

 Para conmemorar o día da poesía 2022 aquí temos a diferentes membros do profesorado e alumnado recitando os seus poemas preferidos!