martes, 25 de novembro de 2025

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

💜 O alumnado reinterpretou Baldosas, de Carlos Negro, e encheu o vestíbulo de voces contra a violencia machista

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado do IES Johan Carballeira participou nunha actividade de creación literaria inspirada no poema Baldosas, do escritor galego Carlos Negro.

A proposta consistiu en tomar como punto de partida os versos do autor e elaborar pequenas pezas poéticas propias, textos breves que transforman o chan cotián das “baldosas” en espazo simbólico para a denuncia, a reflexión e o compromiso.

O resultado é unha colección de textos intensos, valentes e cheos de sensibilidade, nos que o alumnado converteu a palabra en ferramenta contra a violencia machista. As creacións quedaron expostas no vestíbulo do instituto, construíndo un corredor de voces que interpelan, emocionan e fan pensar a quen pasa por alí. Tamén se proxecta un vídeo elaborado a partir de parte destas propostas.

📍 Agradecemos ao alumnado a súa implicación e creatividade, e animamos a toda a comunidade educativa a visitar a exposición, ler con calma cada proposta e continuar sumando pasos para unha sociedade máis xusta e libre de violencia.

🔗 Podedes ver o vídeo que montamos cunha selección dos poemas nesta ligazón: https://youtu.be/dsVK7pdHk9A 






 

Ningún comentario:

Publicar un comentario