Libros ás Rúas 2017 é unha campaña de fomento da lectura que queremos por en marcha dende a Biblioteca Escolar do IES Johan Carballeira coa colaboración do Concello de Bueu.
A inspiración para este proxecto xorde a partir dunha idea orixinal da Comunidade de Madrid:
www.librosalacalle.com
Libros ás Rúas 2017 pretende que cada espazo público (Concello, Centro de Saúde, Praza...) ou privado (farmacias, panaderías, cafeterías...) de Bueu se convirta nun lugar no que atopar literatura, tomar contacto con autores, personaxes e xéneros descoñecidos, ou lembrar obras xa lidas hai tempo. Para os primeiros, a curiosidade está creada e para os segundos a suxerencia está feita.
A partir deste contacto, os veciños de Bueu teñen a opción de continuar a lectura acudindo a unha libraría ou biblioteca e seguir a historia que comezou durante o seu paseo.
A finalidade de Libros ás Rúas é crear inquedanzas lectoras entre os nosos conciudadáns, ofrecer novas perspectivas sobre autores e xéneros pouco coñecidos e conmemorar as efemérides e galardóns literarios que se celebran ao longo do ano.
Dende a Biblioteca Escolar do IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu coidamos que non hai mellor xeito de comezar esta actividade que coa conmemoración do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que terá lugar o 24 de febreiro.
Así, nos vindeiros días, os locais e espazos de Bueu que o desexen lucirán nos seus escaparates entre outros estes cartaces de invitación á lectura, creados pola profesora Lucía Durán:
Queremos facer un agradecemento moi especial ás marcas rexistradas Nikis Galicia Style e Rei Zentolo por prestarnos xentilmente as imaxes de Rosalía para esta campaña.
A iniciativa terá continuidade nos vindeiros meses adicada a diferentes persoeiros ou conmemoracións extraordinarias.
Agardamos que teña éxito!
0 comentarios:
Publicar un comentario