(Nova extraída da web do Concello de Bueu)
O Servizo Municipal de Voluntariado de Bueu, que comezará a funcionar nos vindeiros meses, desprazouse este luns á Biblioteca do IES Johan Carballeira, precisamente para facer entrega do premio á gañadora do concurso de deseño do logo para este servizo, que recaeu en Ana Queimaño Soage, alumna de 1º de Bacharelato.
No acto, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou o apoio que se brinda desde o Concello a estas iniciativas que “nos permiten compartir proxectos e coñecer o que se fai nos centros, ao tempo que tamén presentamos o que nós realizamos”. O rexedor aproveitou para mostrar o agradecemento ao profesorado e ao alumnado dos ciclos medio e superior de Administración e Finanzas deste centro pola súa labor, xa que eles foron os encargados de deseñar a base de datos que se vai utilizar para a posta en marcha e mantemento do servizo.
Na mesma idea abondou a concelleira de infancia, mocidade e voluntariado, Inmaculada Rodríguez, quen fixo unha mención especial cara Ana Álvarez, a mestra que “dirixiu ao alumnado e se comprometeu dende o primeiro momento con este proxecto, sendo un bo exemplo do que significa a acción voluntaria”. A concelleira destacou a importancia do logo seleccionado pois “representa esa man que ofrece axuda, e que está conformada por moitas persoas que achegan o seu pequeno gran de area á sociedade”.
A continuación fíxose entrega dun diploma e dunha camiseta co deseño do logo á gañadora, e ao alumnado do ciclo que axudou na creación da base de datos. Pola súa banda, representantes do alumnado outorgaron ao Concello un pen drive co traballo realizado.
Xa ao remate, a concelleira de ensino, Teresa López, aproveitou para facer entrega do ordenador doado polo Concello para a Biblioteca do IES Johan Carballeira, no marco da colaboración no Proxecto multidisciplinar Entre Rúas, unha iniciativa na que se insiren todos os departamentos do centro e que busca combinar a aprendizaxe práctica coa teórica, conectando ao alumnado coa sociedade. Segundo destacou a coordinadora, Carmen Miñambres, o proxecto está resultando moi proveitoso, posto que se lle dá moita importancia aos procesos.
0 comentarios:
Publicar un comentario