xoves, 11 de decembro de 2025

Club de Lectura do Profesorado

📖 Compartindo lecturas, ideas e conversas na BiblioCarballeira

A BiblioCarballeira tamén é un espazo de encontro para o profesorado, que este curso participa nun club de lectura propio no que a lectura se converte en punto de partida para conversar, reflexionar e gozar da palabra compartida.

Escollemos diferentes obras, procurando que nos axude a pensar o mundo, a educación e a vida dende perspectivas diversas. Nesta ocasión lemos 👉 Panza de burro, de Andrea Abreu.

As sesións de lectura son momentos de calma e diálogo, nos que deixamos por un intre o ritmo das aulas para falar de libros, personaxes e emocións, pero tamén para seguir aprendendo xuntos e tecer comunidade arredor da literatura.

📚 A lectura é un pracer que medra cando se comparte… e na BiblioCarballeira facémolo realidade tamén entre profesoras e profesores.


 

venres, 5 de decembro de 2025

Boas festas con lecturas da BiblioCarballeira

🎅 Xa se achegan as vacacións de Nadal!

A porta da BiblioCarballeira xa anuncia o espírito destas datas: libros, ilusión e boas lecturas para compartir. Este Nadal queremos acompañarte tamén fóra do instituto cunha selección especial de títulos para todas as idades e gustos.

Dende novelas que emocionan ata relatos curtos para ler ao carón do lume, cómics, poesía ou divulgación científica… hai un libro perfecto esperando por cada lector e lectora.

📚✨ Podes consultar a nosa lista de recomendacións de Nadal premendo nesta ligazón 🔗 As nosas lecturas para o Nadal

Lembra: se queres levar un libro en préstamo antes das vacacións, entra na biblioteca e notifícallo á persoa de garda. E se non che acae ningunha das recomendacións, pide consello na biblio que seguro que atopamos algo que che guste.

🎄 Que este Nadal veña cheo de boas lecturas e mellores historias!


 

xoves, 4 de decembro de 2025

Torneo de Xadrez na BiblioCarballeira

♟️Estratexia, concentración e moita emoción entre taboleiros.

A BiblioCarballeira converteuse esta semana nun auténtico campo de batalla… pero de ideas. Estamos a celebrar o noso Torneo de Xadrez, unha das actividades máis agardadas e con maior participación entre o alumnado.

Durante os recreos, a biblioteca encheuse miradas concentradas e movementos medidos. Cada partida é un reto: pensar con calma, anticipar o que vai facer o rival e atopar o xeque mate perfecto.

O torneo está a reunir xogadores e xogadoras de distintos cursos, nun ambiente de respecto, compañeirismo e moita deportividade. E, por suposto, tamén de nervios e diversión!

Nos próximos días coñeceremos as persoas gañadoras, pero o máis importante é o espírito que se respira: o xadrez como forma de aprender a pensar, decidir e compartir.

📸 Deixámosvos algunhas imaxes do torneo en marcha e animámosvos a achegarvos á biblioteca para seguir as partidas finais.

 






martes, 25 de novembro de 2025

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

💜 O alumnado reinterpretou Baldosas, de Carlos Negro, e encheu o vestíbulo de voces contra a violencia machista

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado do IES Johan Carballeira participou nunha actividade de creación literaria inspirada no poema Baldosas, do escritor galego Carlos Negro.

A proposta consistiu en tomar como punto de partida os versos do autor e elaborar pequenas pezas poéticas propias, textos breves que transforman o chan cotián das “baldosas” en espazo simbólico para a denuncia, a reflexión e o compromiso.

O resultado é unha colección de textos intensos, valentes e cheos de sensibilidade, nos que o alumnado converteu a palabra en ferramenta contra a violencia machista. As creacións quedaron expostas no vestíbulo do instituto, construíndo un corredor de voces que interpelan, emocionan e fan pensar a quen pasa por alí. Tamén se proxecta un vídeo elaborado a partir de parte destas propostas.

📍 Agradecemos ao alumnado a súa implicación e creatividade, e animamos a toda a comunidade educativa a visitar a exposición, ler con calma cada proposta e continuar sumando pasos para unha sociedade máis xusta e libre de violencia.

🔗 Podedes ver o vídeo que montamos cunha selección dos poemas nesta ligazón: https://youtu.be/dsVK7pdHk9A 






 

xoves, 20 de novembro de 2025

Torneo de Xadrez na BiblioCarballeira

♟️A estratexia vólvese protagonista este decembro

Chega unha das actividades máis esperadas da nosa biblioteca: o Torneo de Xadrez da BiblioCarballeira. Durante a semana do 1 de decembro, a biblioteca converterase nun taboleiro de 64 cadros no que o alumnado poderá poñer a proba a súa capacidade de análise, paciencia e estratexia.

As partidas xogaranse durante os recreos, cun ritmo de 5 minutos + 0, o que promete emoción e partidas rápidas.

Podes consultar as normas completas e inscribirte directamente na biblioteca. Haberá premios para as persoas gañadoras, pero tamén moito bo ambiente e ganas de aprender.

📍Pásate pola biblio, apúntate e participa!
Porque o xadrez é tamén unha forma de pensar, crear e compartir.


 

xoves, 13 de novembro de 2025

Entrega de premios do concurso "De quen é esta biblioteca?"

🏆🏆🏆 Un xogo para coñecer as bibliotecas do profesorado

Co gallo do Día das Bibliotecas, a BiblioCarballeira organizou o concurso De quen é esta biblioteca, unha proposta que espertou moita curiosidade entre o alumnado e o profesorado. A actividade consistía en identificar a quen pertencía cada unha das bibliotecas persoais do profesorado, a partir das fotografías expostas na biblioteca.

Durante varios días, o alumnado achegouse a participar, observando os detalles, tentando adiviñar gustos literarios e descubrindo que cada biblioteca conta unha historia sobre quen a le.

Hoxe puxemos o broche final coa entrega de premios á persoas gañadora, que demostrou un gran tino e moita atención aos detalles. Eran 17 as bibliotecas que había que asociar cun nome, e Edu acertou 8. Non está nada mal!

📸 Deixámosvos aquí unha imaxe do momento no que Edu recolleu un exemplar de El esplendor de la América Española, o libro que escolleu como galardón. 

Agradecemos a todo o alumnado participante pola súa implicación. Unha actividade que fixo da biblioteca un espazo de xogo, curiosidade e lectura compartida.


 

mércores, 12 de novembro de 2025

Entrega de premios do II Concurso de Epitafios

Creatividade, humor e moito talento na BiblioCarballeira

🏆🏆🏆 O Samaín rematou na BiblioCarballeira coa entrega de premios do II Concurso de Epitafios, unha actividade que volveu encher a biblioteca de humor, imaxinación e letras.

Durante os últimos días, o alumnado puido visitar a exposición de lápidas e epitafios creados para o concurso, nos que se mesturaban a creatividade literaria, o enxeño e a expresión artística. Hoxe puxemos o broche final coa entrega dos premios ás persoas gañadoras, que recibiron os seus cheques-regalo para a cafetería do centro.

O xurado destacou a orixinalidade, o uso da lingua e a capacidade para emocionar ou facer sorrir de moitas das propostas presentadas.

📸 Deixámosvos algunhas imaxes da entrega, na que as persoas premiadas ensinan con orgullo a súa creación.

Parabéns a todo o alumnado participante por darlle vida a esta actividade tan singular!

1.º premio: Hugo e Noé


2.º premio: Julia e Leire

 

3.º premio: Aitor e Martín