Rss Feed
  1. Marcha mundial polo clima

    xoves, 14 de marzo de 2019


    Baixo o lema #Fridaysforfuture (FFF) a xente nova reclámalle aos políticos que actúen ante o quentamento global.
    Todo comezou en agosto, cando Greta Thunberg, rapaza sueca de 16 anos comezou unha folga diante do Parlamento do seu país, reclamando a necesidade da actuación dos gobernos ante un problema que non vai desaparecer só. Aos poucos, fóronse sumando voces de xente da súa xeración, facendo que o movemento se viralizase.
    Así, levamos tres meses de mobilizacións masivas en Europa: 75000 persoas en Bruxelas o 27 de xaneiro (manifestación coordinada por tres mulleres de 17 a 19 anos), 30000 en Berlín, 10000 nos Países Baixos... que agora, o venres 15 se extenderán por moitos máis países coa folga xeral de estudantes polo clima (en 82 países cóntase levar a cabo actos de protesta).
    Nun mundo competitivo e individualista, a xente nova dando unha lección de cooperativismo, liderado colectivo, con gran formación científica, sendo resolutivos e cunha gran conciencia medioambiental.
    Máis de 12000 científicos apoian a iniciativa que deron a coñecer co lema #Scientist4future.
    Na 24ª conferencia sobre cambio climático organizada pola ONU en Polonia, Greta Thunberg dixo:  "no 2078 celebrarei o meu 75 aniversario. Daquela, se teño fillas ou netos quizais me pregunten por que (a vosa xeración) non fixo nada cando aínda había tempo para actuar". Por se alguén aínda non  escoitou a súa intervención en Katowice (Polonia), aquí queda o vídeo. Paga a pena empregar tres minutos e medio en escoitala:



  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario