Hoxe tivemos unha visita moi especial... viñeron visitarnos unhas persoas fantásticas ás que non lles podemos agradecer o suficiente que pasasen unha hora da mañá connosco.
Faltou Gerardo, xordo-cego que decidiu facer o Camiño de Santiago no 2009 nun triciclo tándem, pero a súa historia estivo moi presente. Javier contounos como ao chegaren ao Obradoiro tras partir de Roncesvalles, Gerardo decide que esta experiencia hai que continuala, e con máis xente… así naceu Discamino.
Falou Jose Varela que comezou a andar en bici con 61 anos e parálise cerebral para facer o Camiño Francés. Como non pode falar, é a súa tableta quen nos conta como lle quedaron ganas de repetir e ata de facer a Ruta da Prata.
A tableta de Ana ponlle voz a ela para contarnos como fixo a Ruta da Prata, a Volta a España, a volta a Andalucía, 7 portos dos Pirineos, a volta a Cádiz, o Camiño Francés... por algo foi campiona española de slálom coa sua cadeira 12 veces!
David usa a tableta para explicarnos como a súa parálise cerebral e distrofia muscular non puideron contra a ilusión de converter o Camiño na lúa de mel que non puidera ter antes con Diana.
Como nos fixo rir Javi co seu Vigo-Pontevedra-Valga-Santiago onde lle pediu matrimonio a que hoxe é a súa dona.
Suso, que tras un accidente de traballo padece unha lesión medular, coméntanos como foi un luxo atoparse con Discamino e como el non se dá por vencido.
E Fani, que fixo o Camiño dende Roncesvalles... e ten un récord abrindo iogures.
Javi insiste que se coñecedes a alguén cunha problemática semellante a deles que queira facer o Camiño de Santiago, que lle pasemos o seu contacto, e sobre todo, que non dubidemos a emprestar a nosas mans e pernas nalgún oquiño que teñamos no calendario para estar con eles, que o pouco que lles deamos ímolo recibir de volta con creces.
Este sábado 30 ás 12, no Centro Social do Mar van estar de novo en Bueu para presentar o seu proxecto... avisade a todo o mundo, non deixedes de pasarvos por alí para emocionarvos como o fixemos nós coa súa forza, alegría, vontade e capacidade de superación.
-
Discamino na Biblio
xoves, 28 de marzo de 2019
Publicado por Sofía ás 10:31:00 | Etiquetas: Actividades, Biblioteca Solidaria, Biblioteca., IES Johan Carballeira | Enviar por correo electrónico BlogThis! Compartir en Twitter Compartir en Facebook |
0 comentarios:
Publicar un comentario