Cando Verne amarrou en Vigo
A
necesidade de busca da nosa identidade lévanos a crer nas novelas que nos fan
pensar nela, como acontece con Cando Verne amarrou en Vigo, de Paco Climent.
Tomando como base personaxes e episodios reais, o autor recrea un argumento no
que ten moito peso a historia galega e no que se pon de manifesto a
necesidade de defender o que é noso.
A
través do feito real da visita do novelista Xulio Verne á cidade de Vigo,
ármase unha novela intrigante, poderosa, con personaxes e escenarios
perfectamente identificables para o lectorado galego, e cunhas aventuras nas
que se imbrica perfectamente o real co ficticio. O resultado é unha
historia da que gozaremos tanto as persoas cativas como as máis adultas, e
volveremos descubrir a maxia dos libros de Verne, algo que xa observamos por
exemplo noutra novela de Ledicia Costas: Jules Verne e a vida secreta das
mulleres planta.
Acompañamos aquí a Wenceslao Viñal, un arqueólogo
falangueiro e defensor da cultura e historia propia, e a Pepe Varela, un mozo
de quince anos que o acompañará nas súas peripecias para impedir que
compañías estranxeiras saqueen os tesouros afundidos na baía viguesa. Nesa
aventura interxeracional atoparán a Xulio Verne, quen no ano 1878 recalou en
Vigo a bordo da súa goleta Saint- Michel.
Esta novela lembroume os meus anos de instituto,
cando me acubillaba tardes enteiras nos libros e na compañía duns personaxes
que me ensinaban a expresarme e, ao mesmo tempo, a aprender sobre o pasado. Por
iso me gustou tanto Cando Verne amarrou en Vigo e, quizais, tamén por
esa característica de defensa férrea dos recursos propios.
O autor recrea unha novela de aventuras para, no
fondo, levarnos da man cara ao coñecemento da nosa historia, poñendo o foco na
necesidade de saber de onde vimos para ter claro cara onde avanzamos. E
non hai que esquecer tampouco que estamos diante dunha historia cunha forte
compoñente de inclusión social, pois fai un esforzo por normalizar as
discapacidades e humanizar as persoas, como acontece no caso do mozo Pepe, quen
confesa cara ao remate do libro:
“E,
como non ía ser maduro de máis para os meus anos, mesmo aburrido, se ninguén me
permitira demostrar que tamén podo ser atrevido e incluso unha miga pirata?
Ademais, case todos os piratas fachendean dalgunha deficiencia física que os
fai especialmente atractivos e
non por iso menos afoutos. E á imaxinación non me gaña ninguén”.
Mentres lemos a Paco Climent experimentamos o
profundo orgullo que el sente por ter a oportunidade de iniciarse na lectura
grazas aos libros do gran Xulio Verne, escritor ao que el rende deste
xeito unha homenaxe evidente. El, ao igual que tantas persoas e xeracións
enteiras, débelle un gran favor a Verne, culpable de enganchalo á aventura de
ler. Por iso, nesta II Feira da Ciencia
e da Literatura, o autor francés é protagonista, para demostrarnos que a
imaxinación e a ciencia non sempre se atopan tan lonxe, e que a investigación
da historia é máis necesaria ca nunca.
“Vin
anacos enormes de canóns de bronce; botellas de vidro que se poderían usar sen
problema ningún; cravos e fibelas de cobre; varios recipientes de arxila
cheíños de cochinilla e doutros colorantes en perfecto estado; cuncas e pratos
de cerámica fina milagrosamente intactos. Vin tamén balas de canón de grosores
moi diferentes, así como metralla que servía para varrer a cuberta e tallar a
arboradura dos buques”.
Ficha técnica
Título: Cando Verne amarrou en Vigo
Autor: Paco Climent
Editorial: Editorial Luis Vives
Ano de publicación: 2005
Número de páxinas: 165
0 comentarios:
Publicar un comentario