xoves, 11 de xuño de 2026

Preparando as lecturas do verán

☀️📚 Achégase o final de curso e na BiblioCarballeira xa estamos traballando para que non falten boas lecturas durante as vacacións. Estes días estamos catalogando novidades que quedan á vosa disposición nos andeis da biblioteca, listas para chegar ás mans da comunidade educativa.

Temos á vosa disposición propostas para distintos gustos e idades: novelas que enganchan, historias para viaxar sen saír da casa, libros para pensar, cómics, aventuras, misterio, fantasía ou divulgación. O obxectivo é ofrecer unha selección variada que permita atopar unha lectura axeitada para cada persoa. Só tedes que achegarvos á biblioteca e pedir o que vos apeteza ou solicitar recomendacións.

🎥 E isto non queda aquí!
Ao longo destas últimas semanas estamos publicando na nosa canle de Instagram as nosas vídeo recomendacións lectoras de verán. Cando todas vexan a luz, recompilarémolas neste mesmo blog para que as teñades xuntiñas.


📖 O verán lese mellor cun bo libro na man.

venres, 5 de xuño de 2026

Chegan as recomendacións lectoras para o verán

☀️📚 Co fin de curso cada vez máis preto, na BiblioCarballeira xa estamos preparando unha das nosas citas habituais: as recomendacións lectoras para o verán.

🎥 Aquí tedes pequenos vídeos nos que compartimos libros que gustaron especialmente e que consideramos boas lecturas para os meses de descanso. Ao longo dos últimos días de clase actualizaremos esta entrada con máis vídeos.

Lecturas para descubrir novos mundos, aprender cousas novas ou simplemente pasar un bo intre.

Porque o verán é tamén unha oportunidade para ler sen présas e deixar que os libros nos acompañen durante as vacacións.

📚 E ti, xa sabes que libro vas levar este verán na mochila?


#bach #adutos #1e2eso

#dende2eso #dende3eso

#2e3eso #eso

#bach #adultos #3e4eso #1bach

#bach #adultos #bach #adultos

#bach #adultos #eso

                                       

luns, 25 de maio de 2026

Resolución do concurso de poesía escurecida

📝 ✒️✨ A poesía apareceu entre as palabras

Na BiblioCarballeira xa coñecemos as propostas gañadoras do concurso “Para brillar na escuridade”, organizado con motivo das Letras Galegas 2026 que conmemoran a figura de Begoña Caamaño.

Ao longo destes días, o alumnado participou nunha actividade de poesía escurecida, creando novos poemas a partir de textos xa existentes mediante a selección e ocultación de palabras. O resultado foi unha colección de composicións moi orixinais nas que se combinaron lectura, creatividade e expresión artística.

O xurado quere destacar, sobre todo, o enorme nivel e implicación das persoas participantes: houbo 93 proposas a concurso!

📚✨ Grazas a todas as persoas que decidiron buscar poesía entre as páxinas e facer brillar novas palabras desde a escuridade.

📸 Deixámosvos unhas imaxes das obras premiadas:




 

venres, 8 de maio de 2026

Retos na Biblio: pensamento, estratexia e traballo en equipo

♟️🧩 Na BiblioCarballeira poñemos en marcha unha nova actividade para encher os recreos de desafíos e estratexia: “Retos na Biblio”.

Ao longo de varios días, os equipos participantes terán que resolver diferentes retos relacionados co pensamento lóxico e o xadrez, combinando rapidez, cooperación e capacidade de análise.

Cada recreo contará con tres retos de distinta dificultade —fácil, media e difícil— cos que os equipos poderán sumar puntos para intentar acadar a mellor puntuación final.

👥 Os equipos estarán formados por tres persoas
📅 A actividade desenvolverase nos recreos do 18 ao 21 de maio
📍 Todas as probas realizaranse dentro da biblioteca

🎁 Haberá premio para o equipo gañador!



 

mércores, 29 de abril de 2026

Para brillar na escuridade: concurso de poesía escurecida

✒️ Co gallo das Letras Galegas 2026, dedicadas a Begoña Caamaño, na BiblioCarballeira lanzamos unha proposta creativa e diferente: o concurso de poesía escurecida (blackout poetry) baixo o lema “Para brillar na escuridade”.

Esta técnica consiste en crear un poema a partir dun texto previo, seleccionando palabras e ocultando o resto. O resultado é unha nova composición poética que combina lectura, interpretación e creación artística.

A participación é individual e o xurado valorará tanto a orixinalidade e coherencia do texto como a parte plástica da proposta.

📅 Prazo de entrega: ata o recreo do venres 15 de maio
📍 Entrega: na biblioteca
🎁 Haberá premios en vales de 20 €, 10 € e 5 €

Animamos a todo o alumnado a participar e dar renda solta á súa creatividade.

venres, 24 de abril de 2026

Día do Libro: xogamos a descubrir libros

📚🌹 Co gallo do 23 de abril, Día do Libro, toda esta semana na BiblioCarballeira puxemos en marcha o concurso “E ti, que libro vés sendo?”, unha proposta lúdica para achegarnos á lectura dun xeito diferente.

A actividade consistiu en adiviñar o título de distintos libros a partir de varias pistas relacionadas coa súa autoría, o seu contido ou algúns detalles significativos. O alumnado participou por equipos, compartindo ideas, debatendo e poñendo a proba o seu coñecemento lector.

Tratouse dunha iniciativa que convertiu a biblioteca nun espazo de xogo, cooperación e curiosidade, ao tempo que se fomenta o interese polos libros e se anima a descubrir novas lecturas.





xoves, 23 de abril de 2026

Día do Libro: libros que se comparten

📚 Na BiblioCarballeira celebramos o Día do Libro cunha proposta sinxela pero moi significativa: un amigo invisible de libros entre o profesorado.

A dinámica consistiu en escoller un libro para outra persoa, pensando nos seus gustos, nas súas lecturas ou naquelas historias que cremos que poden conectar con ela. O resultado foi un conxunto de agasallos envoltos con coidado, cheos de intención e de recomendacións lectoras.

Esta actividade pon en valor unha idea fundamental: os libros non só se len, tamén se comparten. A través deles establecemos vínculos, descubrimos novas voces e ampliamos a nosa mirada.

Celebrar o Día do Libro deste xeito permitiunos reforzar a dimensión social da lectura e lembrar que, detrás de cada libro, hai sempre unha oportunidade de encontro.

📸 Na imaxe, algúns dos libros preparados para este intercambio lector.