sábado, 13 de abril de 2019

II Feira ciencia e literatura Bueu. Comentario de Tensi Gesteira sobre Cando Verne amarrou en Vigo






Cando Verne amarrou en Vigo

A necesidade de busca da nosa identidade lévanos a crer nas novelas que nos fan pensar nela, como acontece con Cando Verne amarrou en Vigo, de Paco Climent. Tomando como base personaxes e episodios reais, o autor recrea un argumento no que ten moito peso a historia galega e no que se pon de manifesto a necesidade de defender o que é noso.
A través do feito real da visita do novelista Xulio Verne á cidade de Vigo, ármase unha novela intrigante, poderosa, con personaxes e escenarios perfectamente identificables para o lectorado galego, e cunhas aventuras nas que se imbrica perfectamente o real co ficticio. O resultado é unha historia da que gozaremos tanto as persoas cativas como as máis adultas, e volveremos descubrir a maxia dos libros de Verne, algo que xa observamos por exemplo noutra novela de Ledicia Costas: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
Acompañamos aquí a Wenceslao Viñal, un arqueólogo falangueiro e defensor da cultura e historia propia, e a Pepe Varela, un mozo de quince anos que o acompañará nas súas peripecias para impedir que compañías estranxeiras saqueen os tesouros afundidos na baía viguesa. Nesa aventura interxeracional atoparán a Xulio Verne, quen no ano 1878 recalou en Vigo a bordo da súa goleta Saint- Michel.
Esta novela lembroume os meus anos de instituto, cando me acubillaba tardes enteiras nos libros e na compañía duns personaxes que me ensinaban a expresarme e, ao mesmo tempo, a aprender sobre o pasado. Por iso me gustou tanto Cando Verne amarrou en Vigo e, quizais, tamén por esa característica de defensa férrea dos recursos propios.
O autor recrea unha novela de aventuras para, no fondo, levarnos da man cara ao coñecemento da nosa historia, poñendo o foco na necesidade de saber de onde vimos para ter claro cara onde avanzamos. E non hai que esquecer tampouco que estamos diante dunha historia cunha forte compoñente de inclusión social, pois fai un esforzo por normalizar as discapacidades e humanizar as persoas, como acontece no caso do mozo Pepe, quen confesa cara ao remate do libro:

“E, como non ía ser maduro de máis para os meus anos, mesmo aburrido, se ninguén me permitira demostrar que tamén podo ser atrevido e incluso unha miga pirata? Ademais, case todos os piratas fachendean dalgunha deficiencia física que os fai especialmente atractivos e non por iso menos afoutos. E á imaxinación non me gaña ninguén”.

Mentres lemos a Paco Climent experimentamos o profundo orgullo que el sente por ter a oportunidade de iniciarse na lectura grazas aos libros do gran Xulio Verne, escritor ao que el rende deste xeito unha homenaxe evidente. El, ao igual que tantas persoas e xeracións enteiras, débelle un gran favor a Verne, culpable de enganchalo á aventura de ler.  Por iso, nesta II Feira da Ciencia e da Literatura, o autor francés é protagonista, para demostrarnos que a imaxinación e a ciencia non sempre se atopan tan lonxe, e que a investigación da historia é máis necesaria ca nunca.

“Vin anacos enormes de canóns de bronce; botellas de vidro que se poderían usar sen problema ningún; cravos e fibelas de cobre; varios recipientes de arxila cheíños de cochinilla e doutros colorantes en perfecto estado; cuncas e pratos de cerámica fina milagrosamente intactos. Vin tamén balas de canón de grosores moi diferentes, así como metralla que servía para varrer a cuberta e tallar a arboradura dos buques”.

Ficha técnica
Título: Cando Verne amarrou en Vigo
Autor: Paco Climent
Editorial: Editorial Luis Vives
Ano de publicación: 2005
Número de páxinas: 165

Ningún comentario:

Publicar un comentario