sábado, 13 de abril de 2019

II Feira ciencia e literatura Bueu. Comentario de Tensi Gesteira sobre La cuchara menguante.
























La cuchara menguante
“La tabla periódica es un prodigio antropológico, un artefacto humano que refleja todos los aspectos maravillosos, artísticos o detestables de los seres humanos y de nuestra interacción con el mundo físico: la historia de nuestra especia escrita en un texto conciso y elegante. Merece ser estudiada a todos estos niveles, comenzando por el más elemental y moviéndonos de manera gradual hacia los de mayor complejidad”.
Xamais imaxinaría que a táboa periódica contiña historias tan interesantes. Nunca antes pensara nos centos de persoas que se agochan detrás da descuberta dos 103 elementos que hoxe compoñen este instrumento científico. Foi precisamente grazas ao libro de Sam Kean, La cuchara menguante, que descubro marabillada os segredos ocultos dos elementos, os cales comprendo desde o máis básico ata o más complexo. Precisamente aquí é onde radica o valor deste libro que contén unha infinita sabedoría, e no que se relacionan as ciencias coas distintas sociedades, podendo observar na xénese de cada elemento a influencia do tempo histórico no que foi descuberto.
La cuchara menguante defínese coma unha proposta ambiciosa, da que aprenderemos tanto as persoas adultas como os mozos e mozas que se están iniciando na ciencia e non comprenden os segredos dos elementos. Unha historia apaixonante, na que atopamos intensas relacións coas letras: no caso por exemplo da nomenclatura que se adoptou para identificar os elementos que se ían descubrindo, na que se nota unha gran influencia das linguas clásicas (latín e grego) e, máis adiante, das persoas e incluso países nos que viron a luz.
Se indagamos máis alá e lemos a táboa periódica en sentido horizontal, liña a liña, aprendemos das relacións entre elementos e mesmo algunhas rivalidades e antagonismos non agardados. Cunha linguaxe a cabalo entre a divulgación e o ensaio científico, o libro lese como unha historia de aventuras, nas que os elementos constitúen o inicio da vida, mais tamén experimentan cambios e son a medida de moitos dos avances científicos que nos fan medrar como sociedade.  Precisamente, a historia que máis me chegou foi a batalla librada pola descuberta do radio da man de Marie Curie, a única muller científica que recibiu dous premios Nobel.
En íntima relación coa ciencia, atopamos referencias ao uso dos elementos como catalizadores políticos, unha crítica moi aceda ao escaso apoio que desde as institucións se lles da á investigación, unha área que sofre sempre recortes cando entramos en crise. Sirva esta publicación como un manifesto da necesidade da ciencia, porque só grazas a ela podemos coñecer o pasado e avanzar nun futuro máis próspero. Oxalá cando ía ao instituto descubrira este libro, estou segura de que tería comprendido moito mellor o papel do wolframio na Segunda Guerra Mundial, o que simbolizou o radio para a medicina, as loitas que se deron e dan en moitos países subdesenvolvidos polos elementos (caso do coltán no Congo), as melloras nas condicións de vida parellamente aos avances científicos...
Nestes momentos, cando se teima en rematar co pensamento crítico, libros coma estes contribúen a abrir a mente e a sementar a curiosidade de saber máis.
Ficha técnica
Título: La cuchara menguante
Autor: Sam Keam
Traductor: Joan Lluís Riera
Editorial: Ariel
Ano de publicación: 2011
Número de páxinas: 423

Ningún comentario:

Publicar un comentario