luns, 16 de xaneiro de 2017

Todo o tempo do mundo, por Ana Lourido

Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias

Premio Merlín 2016

Esta é unha emotiva historia sobre a relación entre Ariadna, unha nena de case 12 anos, e o seu avó Valente.
Nunca tiveran trato e, de súpeto, os pais vense obrigados a deixala uns días con el, así que teñen que convivir durante 20 días e sen veciños ao seu arredor, xa que a aldeíña do avó esmorece sen remedio.
Unha experiencia que marcará de por vida á rapaza, acostumada ao mundo urbano e aos progresos da sociedade actual. Eses 20 días vive como noutro planeta: descobre a casa familiar, onde naceu e viviu de neno seu pai, pertenzas de seres que xa non existen, coñece lugares e nomes novos, de aves, de árbores, ferramentas, as partes do muíño... Aprende a cociñar, arrombar a casa, labores do campo, a escoitar o que di a chuvia, o que di todo ao seu arredor. Pero, sobre todo, coñece ao seu avó, un home forte e duro polas circunstancias que lle tocaron vivir, que non agocha a súa tenrura con ela e con quen a convivencia non é difícil.

Unha historia conmovedora, cunhas ilustracións ben acaídas, que nos fai lembrar a figura do avó ausente. Invítovos a descubrila.

                                                                 Ana Lourido 

Ningún comentario:

Publicar un comentario