-
Xornadas de Portas Abertas para as Familias do Alumnado de Primaria
venres, 15 de febreiro de 2019
Este mércores día 6 de febreiro, a directora, a vicedirectora e o orientador do centro, acolleron na Biblioteca Escolar ás familias do alumnado que está agora en sexto de primaria, e que o setembro que vén, veremos entrar pola nosa porta co comezo do novo curso escolar.
Na xornada empregouse a metodoloxía World Cafe. Para iso contouse coa colaboración de nais e pais do noso alumnado de 1º ESO a quen agradecemos inmensamente ternos acompañado.
As nais, pais, avoas e avós distribuíronse en tres mesas, coordinadas cada unha delas por un pai/nai do alumnado de 1º. En cada mesa había unha pregunta relacionada co paso de primaria a secundaria. Esa pregunta daba pé a intercambio de opinións, medos, incertidumes... que se recollían todas por escrito. As familias ían rotando de forma que todas pasaban polas tres mesas.
Aínda que se traballou intensamente, houbo tempo para cafés, zumes, galletas, infusións... Non hai que esquecer que un punto importante nestas xornadas é coñecérmonos mellor os uns e aos outros, para traballar na mesma dirección, de xeito colaborativo, familias e profesorado.
Logo, xa sentados nos sillóns, as familias transmitíronnos un resumo das súas inquedanzas e preocupacións do paso de primaria a secundaria.
Quedouse en facer unha nova xuntanza onde poder resolver máis polo miúdo as súas dúbidas.
Finalmente, subimos ao corredor do primeiro andar, onde puideron ver o resultado da actividade que o alumnado de 6º fixo en conxunto co de 1º ESO o día da Paz.
Amosóuselles unha aula de 1º e finalmente fomos á cafetería, logo dunha tarde moi produtiva e agradable que pensamos é algo a repetir nos cursos vindeiros.Publicado por Sofía ás 11:06:00 | Etiquetas: IES Johan Carballeira | Enviar por correo electrónico BlogThis! Compartir en X Compartir en Facebook |
Moi boa idea. Parabéns!