Rss Feed
  1. Noticias de Bueu

    O IES Carballeira celebra o Día da Poesía con Miriam Ferradáns, Lucía Novas, Fernando Miranda e o alcalde

    Os presentes recitaron poemas e as autoras reflexionaron acerca do sentido e importancia da poesía


    22.03.2017 | 02:55
    Consagrar a palabra esencial e a reflexión sobre o noso tempo. Con ese obxectivo a Unesco declarou o 21 de marzo como o Día Mundial da Poesía, unha data que se conmemora dende o ano 1999 e que se fai coincidir co equinocio de primaveira no hemisferio norte do planeta. Os actos de celebración desta data chegaron onte ata o instituto Johán Carballeira de Bueu, organizados pola biblioteca escolar, e que contou con algunhas colaboracións destacadas, como a presenza de dúas das máis recoñecidas poetisas da localidade -Lucía Novas e Miriam Ferradáns- ; o libreiro Fernando Miranda e incluso do propio alcalde da vila, Félix Juncal.

    O acto celebrouse a mediodía nas instalacións do centro educativo e os participantes tiveron a oportunidade de escoller o poema que desexaban ler. Por exemplo, o rexedor escolleu un texto da súa propia filla, Antía Juncal Avendaño, titulado "Letonia". A moza gañou en 2015 o segundo premio do certame Díaz Jácome, que convoca o Concello de Mondoñedo. Amáis do recitado de textos houbo tempo para unha rolda de intervencións e preguntas, dirixidas expecialmente ás dúas poetas presentes. O alumnado preguntoulle a Miriam Ferradáns e a Lucía Novas pola inspiración poética, a función da poesía no mundo actual, a súa valoración ou os premios literarios. Entre ambas as dúas autoras suman un bo número de recoñecementos nos últimos anos, incluindo o Premio Johán Carballeira para Lucía Novas en 2009 ou os galardóns Rosalía de Castro que convoca a Asociación Galega de Cornellá, o Francisco Añón ou o Pérez Parallé no caso de Miriam Ferradáns. Antes de despedirse o rexedor da localidade manifestou ante o alumnado que "sempre é unha honra saír do Concello para acompañar aos rapaces e rapazas dos centros educativos".




  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario