luns, 6 de marzo de 2017

Bata por fóra (muller por dentro)

Este Entroido tardío, tan próximo ao mes de marzo ou mes da muller, convertiuse no IES Johan Carballeira nunha oportunidade de ouro para reivindicar a necesaria igualdade de xénero.
O equipo da biblioteca quixo dirixir unha ollada á situación real das mulleres na nosa sociedade e facer balance, festexando os avances e loitando pola superación dos atrancos.

E se hai un personaxe que retrata con fidelidade a vida de moitas mulleres da nosa contorna esa é Dora A Desbrozadora, gran metáfora da idiosincrasia desa muller forte, traballadora e voluntariosa, labrega, mariñeira e galega.

         Viñeta - Faro de Vigo:

Dora A Desbrozadora non necesita presentación no Morrazo e ben merecía esta humilde homenaxe.
 Ela é un dos personaxes de máis sona entre os creados polo humorista gráfico Luís Davila, nado en Bueu e vencellado dende a súa infancia a este concello, onde medrou e estudou no noso instituto, e onde reside actualmente. 
Davila, alcumado "O Bichero", ten o mérito de reflexar nas súas viñetas do xornal Faro de Vigo ese particular humor galego, sacando punta aos esteorotipos, combinando unha fina retranca e un tratamento irónico e intelixente da actualidade, que fai por igual rir e cavilar aos seus fieis lectores.

E así, mesturando o Entroido coa homenaxe á muller, xurdiu a idea de formar unha comparsa de profesores do instituto disfrazados da gran Dora.


O lema da comparsa Bata por fóra (muller por dentro) foi tomado do título da curtametraxe da realizadora galega Claudia Brenlla do ano 2008. 

Este audiovisual fai unha oda á modernidade da tradición, unha viaxe artística aos valores positivos da herdanza feminina e, por suposto, un tributo ao simbolismo da bata, unha prenda de traballo que acompañou a nais e avoas durante décadas. 
A artista austríaca, Petra Buchegger, autora da investigación da que parte esta curta, opina que Galicia é “El Dorado das batas”. 

                            Bata por fóra (muller por dentro)

E, sen máis, deixámosvos co que sabemos que estades devecendo por ver: a reportaxe fotográfica dos profesores e profesoras que participaron na nosa comparsa.














Ningún comentario:

Publicar un comentario