Amosando publicacións coa etiqueta dia bibliotecas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta dia bibliotecas. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2025

Entrega de premios do concurso "De quen é esta biblioteca?"

🏆🏆🏆 Un xogo para coñecer as bibliotecas do profesorado

Co gallo do Día das Bibliotecas, a BiblioCarballeira organizou o concurso De quen é esta biblioteca, unha proposta que espertou moita curiosidade entre o alumnado e o profesorado. A actividade consistía en identificar a quen pertencía cada unha das bibliotecas persoais do profesorado, a partir das fotografías expostas na biblioteca.

Durante varios días, o alumnado achegouse a participar, observando os detalles, tentando adiviñar gustos literarios e descubrindo que cada biblioteca conta unha historia sobre quen a le.

Hoxe puxemos o broche final coa entrega de premios á persoas gañadora, que demostrou un gran tino e moita atención aos detalles. Eran 17 as bibliotecas que había que asociar cun nome, e Edu acertou 8. Non está nada mal!

📸 Deixámosvos aquí unha imaxe do momento no que Edu recolleu un exemplar de El esplendor de la América Española, o libro que escolleu como galardón. 

Agradecemos a todo o alumnado participante pola súa implicación. Unha actividade que fixo da biblioteca un espazo de xogo, curiosidade e lectura compartida.


 

luns, 27 de outubro de 2025

Seguimos celebrando o Día das Bibliotecas coas máis bonitas

Aínda coa emoción do venres pasado (o Día das Bibliotecas), queremos seguir rendéndolle homenaxe ás bibliotecas do mundo. Hai lugares que son auténticos templos do saber, espazos que combinan arquitectura, arte e paixón polos libros.

📚 Neste artigo que compartimos podes descubrir as 10 bibliotecas máis fermosas do mundo, dende as máis antigas e monumentais ata as máis modernas e vangardistas. Son un recordatorio de que a lectura é tamén unha viaxe a través dos espazos e do tempo.

👉 Ler o artigo completo

E para acompañar esta viaxe, deixámosche unha fotografía da nosa biblioteca: máis modesta, pero igual de chea de vida, palabras e historias.
Porque non hai biblioteca pequena cando está habitada por lectoras e lectores.


 

venres, 24 de outubro de 2025

24 de outubro: Día das Bibliotecas

Dende 1997 celébrase cada 24 de outubro o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que comezou impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil e á que se foron sumando co tempo o Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

Este ano, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura propón o lema Contra a desinformación: bibliotecas, destacando así o papel esencial que todas as bibliotecas —públicas, escolares, universitarias, especializadas ou nacionais— teñen na loita contra a desinformación. 


As bibliotecas non son só lugares para atopar libros ou prensa, senón tamén espazos que nos ensinan a empregar con criterio as novas tecnoloxías, a buscar fontes fiables e a distinguir información veraz fronte a bulos. O traballo do persoal bibliotecario é clave: actúa como guía e garante para que a comunidade dispoña de información contrastada e segura.

No noso contexto, as bibliotecas escolares galegas convertéronse nun recurso imprescindible para a formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida, en liña coa Axenda 2030 e co compromiso de que ninguén quede atrás. A biblioteca escolar é, ademais, a primeira porta de entrada ao mundo das bibliotecas: o lugar que nos ensina a usar outras, que nos pon en contacto coas públicas e que nos amosa que sempre temos unha biblioteca preto de nós.

No IES Johan Carballeira queremos sumarnos a esta celebración lembrando que a nosa biblioteca é un espazo aberto a toda a comunidade educativa: un lugar de encontro, aprendizaxe, creatividade e confianza. Contra a desinformación, e a favor dunha educación crítica e responsable, as bibliotecas somos un piar fundamental.