Amosando publicacións coa etiqueta emparellar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta emparellar. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2025

Entrega de premios do concurso "De quen é esta biblioteca?"

🏆🏆🏆 Un xogo para coñecer as bibliotecas do profesorado

Co gallo do Día das Bibliotecas, a BiblioCarballeira organizou o concurso De quen é esta biblioteca, unha proposta que espertou moita curiosidade entre o alumnado e o profesorado. A actividade consistía en identificar a quen pertencía cada unha das bibliotecas persoais do profesorado, a partir das fotografías expostas na biblioteca.

Durante varios días, o alumnado achegouse a participar, observando os detalles, tentando adiviñar gustos literarios e descubrindo que cada biblioteca conta unha historia sobre quen a le.

Hoxe puxemos o broche final coa entrega de premios á persoas gañadora, que demostrou un gran tino e moita atención aos detalles. Eran 17 as bibliotecas que había que asociar cun nome, e Edu acertou 8. Non está nada mal!

📸 Deixámosvos aquí unha imaxe do momento no que Edu recolleu un exemplar de El esplendor de la América Española, o libro que escolleu como galardón. 

Agradecemos a todo o alumnado participante pola súa implicación. Unha actividade que fixo da biblioteca un espazo de xogo, curiosidade e lectura compartida.


 

luns, 20 de outubro de 2025

Concurso: De quen é esta biblioteca?

O 24 de outubro imos celebrar o Día das Bibliotecas, e no IES Johan Carballeira queremos facelo dun xeito divertido e participativo. Este ano propoñémosche un concurso moi especial: De quen é esta biblioteca?

Na entrada do instituto atoparás unha exposición de fotografías das bibliotecas persoais de varios docentes do centro. Cada unha amosa unha pequena parte da súa personalidade lectora: o tipo de libros que colecciona, a forma en que os organiza ou mesmo os obxectos que os acompañan.

O reto consiste en acertar a quen pertence cada biblioteca. Podes participar observando as imaxes expostas e introducindo a túa folla de respostas na urna. O prazo remata o venres 24 no recreo.

🏆 A persoa gañadora será quen máis acertos consiga… e levará un pequeno premio lector!

Anímate a participar e a descubrir o lado máis lector do profesorado. Porque detrás de cada estante hai unha historia, e detrás de cada libro, unha persoa que o fai seu.