Dende 1997 celébrase cada 24 de outubro o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que comezou impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil e á que se foron sumando co tempo o Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
Este ano, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura propón o lema “Contra a desinformación: bibliotecas”, destacando así o papel esencial que todas as bibliotecas —públicas, escolares, universitarias, especializadas ou nacionais— teñen na loita contra a desinformación.
As bibliotecas non son só lugares para atopar libros ou prensa, senón tamén espazos que nos ensinan a empregar con criterio as novas tecnoloxías, a buscar fontes fiables e a distinguir información veraz fronte a bulos. O traballo do persoal bibliotecario é clave: actúa como guía e garante para que a comunidade dispoña de información contrastada e segura.
No noso contexto, as bibliotecas escolares galegas convertéronse nun recurso imprescindible para a formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida, en liña coa Axenda 2030 e co compromiso de que ninguén quede atrás. A biblioteca escolar é, ademais, a primeira porta de entrada ao mundo das bibliotecas: o lugar que nos ensina a usar outras, que nos pon en contacto coas públicas e que nos amosa que sempre temos unha biblioteca preto de nós.
No IES Johan Carballeira queremos sumarnos a esta celebración lembrando que a nosa biblioteca é un espazo aberto a toda a comunidade educativa: un lugar de encontro, aprendizaxe, creatividade e confianza. Contra a desinformación, e a favor dunha educación crítica e responsable, as bibliotecas somos un piar fundamental.

Ningún comentario:
Publicar un comentario