Rss Feed
  1. LEDICIA COSTAS NO JOHAN CARBALLEIRA

    mércores, 4 de marzo de 2020


    A escritora Ledicia Costas visitou o pasado 3 de marzo a nosa biblioteca, grazas ao programa do MEC "Encuentros Literarios". A autora conversou co alumnado de 1º de bacharelato sobre o seu libro Infamia e co de 1º de ESO sobre A balada dos unicornios, obra sobre a que se está traballando para a III Feira da Ciencia e Literatura.


    Explicounos que desde moi nova quixo ser escritora para poder crear o libro que a ela lle gustaría ler e que hai uns anos deixou o seu oficio de avogada para dedicarse en exclusiva  a esta actividade, co que conseguir converter a súa paixón na súa profesión.
    Confesounos que nalgún momento da escrita de Infamia sufriu, ao relatar momentos moi duros, como os abusos sexuais a menores ou a violación dunha das protagonistas. Tamén nos dixo que, aínda que en principio deixou moi aberto o final da novela para escribir unha segunda parte, agora non sabe se estará á altura das expectativas que se están creando, pois xa recibiu moitas peticións de continuación.



    Pola súa banda, A balada dos unicornios levounos a reflexionar sobre a presenza da violencia no libro e nos videoxogos ou na televisión, pois parece que nos acostumamos a vela diante da pantalla pero non entre as páxinas dunha novela. Tamén falamos do famoso asasino Jack o Destripador, que aparece nun libro que pretende visibilizar as mulleres marxinais e que case nunca se tiñan en conta. A autora recoñeceu que para ela é difícil atoparlles un título ás súas obras pero neste tiña claro que quería que aparecese a palabra "unicornio".

    Sen dúbida, unha experiencia enriquecedora grazas a esta escritora tan cercana e que sempre ten algo que nos ensinar.

  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario