Rss Feed






  1. Cando era pequena lembro que odiaba a ciencia. Non entendía nada sobre o que os astros, buratos negros, e demais axentes do cosmos, e todo porque non dera cos libros adecuados para comprender a maxia do universo. Por iso me enche de ilusión ler agora La clave secreta del universo, de Lucy e Stephen Hawking, unha proposta moi acaída para esta II Feira da Ciencia e da Literatura, precisamente porque nos inocula a maxia de saber sobre o mundo que nos rodea e os seus misterios, ao tempo que conciencia a respecto da necesidade de coidar o planeta,

    Mentres lía este libro chegou a min a historia de dúas rapazas belgas que revolucionan a loita contra o cambio climático. Anuna De Wever, de 17 anos, e Kyra Gantois, de 19, reúnen cada xoves desde comezos deste ano a milleiros de mozos e mozas para protestar pacificamente contra o cambio climático, tomando a testemuña da adolescente sueca Greta Thunberg, todo un referente nesta loita que se estende a nivel mundial e que tamén chega ao noso país.  De Wever declara que "Os adultos seguen dicindo: 'Deamos esperanza aos mozos, debémosllo'. Pero eu non quero a vosa esperanza, non quero que esteades esperanzados. Quero que entredes en pánico, que sintades o medo que eu sinto cada día. E despois quero que actuedes, como se estiverades en crise. Quero que actuedes como se a casa estivera en chamas, porque o está".

    Quixera relacionar estas dúas realidades: a do libro e a dos mozos e mozas que están loitando e reivindicando o coidado do noso medio. Stephen Hawking, un dos físicos teóricos máis brillantes desde Einstein que faleceu o pasado ano 2018, deixa claro neste libro divulgativo que é necesario coñecer para tomar conciencia. E, nun afán de espallar a información científica de forma máis amena, escribe unha historia na que o pequeno Georges acabará descubrindo que é posible entender e amar a ciencia e o universo. Iso si, desde o primeiro intre, o libro contén certos debates nos que se pon en entredito a función da ciencia.

    “A ciencia é algo extraordinario e fascinante que nos axuda a comprender o mundo que nos rodea e todas as súas marabillas […] Entón, como pode ser iso ciencia se a ciencia está matando o planeta e todo o que o habita?”

    Hai que entender que a os avances científicos son positivos pero na súa xusta medida, sempre que se utilicen para o ben da humanidade e non de forma malévola. Ante estas dúas realidades, só queda a toma de conciencia, e niso pon o foco este libro, a través dos descubrimentos que realiza o protagonista e a súa compañeira, un camiño non exento de dificultades e con moitas aventuras.

    Estamos, pois, diante dun libro que abre mentes, que nos fala de maxia, que nos fai sentir curiosidade pola ciencia e pola diversión coa que se pode realizar a aprendizaxe sobre os buratos negros, as estrelas, os planetas, os cometas… E é que o universo pode ser marabilloso e só temos que atopar as claves para entendelo e amalo. Moi necesaria esta proposta, sobre todo, pola súa capacidade para captar a atención dos máis pequenos e pequenas, e idónea para empregar como método de estudo.

    “O noso planeta é extraordinario e é noso. Formamos parte del, estamos feitos da súa mesma materia, por iso debemos coidalo [...] Debemos deixar de maltratar a Terra [...] Porén, debemos facelo todos ou non servirá de nada, a nosa querida Terra acabará destruída”.

    Resulta emocionante ver a evolución dos personaxes e as súas reflexións coas que os lectores e lectoras nos identificamos á perfección, quizais porque, en maior ou menor medida, tod@s sentimos esa necesidade por saber que ocorre no mundo, e a ciencia eríxese como o instrumento que mellor nolo pode explicar.


    “A ciencia é moi importante. Sen a ciencia nada ten explicación e, polo tanto, como imos facer as cousas ben ou tomar as decisións correctas? Algúns cren que a ciencia é aburrida, outros que é perigosa, e tal vez sexa así cando non nos interesamos ou non queremos aprender, ou cando non a utilizamos como é debido. Pero se nos esforzaramos un pouquiño, descubririamos que é fascinante e moi importante para nós e para o futuro do noso planeta”.


  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario