La cuchara menguante
“La tabla periódica es un
prodigio antropológico, un artefacto humano que refleja todos los aspectos
maravillosos, artísticos o detestables de los seres humanos y de nuestra
interacción con el mundo físico: la historia de nuestra especia escrita en un
texto conciso y elegante. Merece ser estudiada a todos estos niveles,
comenzando por el más elemental y moviéndonos de manera gradual hacia los de
mayor complejidad”.
Xamais imaxinaría que a táboa periódica contiña historias tan interesantes.
Nunca antes pensara nos centos de persoas que se agochan detrás da
descuberta dos 103 elementos que hoxe compoñen este instrumento científico.
Foi precisamente grazas ao libro de Sam Kean, La cuchara menguante, que descubro marabillada os segredos ocultos
dos elementos, os cales comprendo desde o máis básico ata o más complexo.
Precisamente aquí é onde radica o valor deste libro que contén unha infinita
sabedoría, e no que se relacionan as ciencias coas distintas sociedades,
podendo observar na xénese de cada elemento a influencia do tempo histórico
no que foi descuberto.
La cuchara menguante defínese coma unha proposta ambiciosa, da
que aprenderemos tanto as persoas adultas como os mozos e mozas que se están
iniciando na ciencia e non comprenden os segredos dos elementos. Unha historia
apaixonante, na que atopamos intensas relacións coas letras: no caso por
exemplo da nomenclatura que se adoptou para identificar os elementos que se ían
descubrindo, na que se nota unha gran influencia das linguas clásicas (latín e
grego) e, máis adiante, das persoas e incluso países nos que viron a luz.
Se indagamos máis alá e lemos a táboa periódica en sentido horizontal, liña
a liña, aprendemos das relacións entre elementos e mesmo algunhas rivalidades
e antagonismos non agardados. Cunha linguaxe a cabalo entre a divulgación
e o ensaio científico, o libro lese como unha historia de aventuras, nas
que os elementos constitúen o inicio da vida, mais tamén experimentan cambios e
son a medida de moitos dos avances científicos que nos fan medrar como
sociedade. Precisamente, a historia que
máis me chegou foi a batalla librada pola descuberta do radio da man de Marie
Curie, a única muller científica que recibiu dous premios Nobel.
En íntima relación coa ciencia, atopamos referencias ao uso dos elementos
como catalizadores políticos, unha crítica moi aceda ao escaso apoio que
desde as institucións se lles da á investigación, unha área que sofre sempre
recortes cando entramos en crise. Sirva esta publicación como un manifesto da
necesidade da ciencia, porque só grazas a ela podemos coñecer o pasado e
avanzar nun futuro máis próspero. Oxalá cando ía ao instituto descubrira este
libro, estou segura de que tería comprendido moito mellor o papel do wolframio
na Segunda Guerra Mundial, o que simbolizou o radio para a medicina, as loitas
que se deron e dan en moitos países subdesenvolvidos polos elementos (caso do
coltán no Congo), as melloras nas condicións de vida parellamente aos avances
científicos...
Nestes momentos, cando se teima en rematar co pensamento crítico, libros
coma estes contribúen a abrir a mente e a sementar a curiosidade de saber máis.
Ficha técnica
Título: La cuchara menguante
Autor: Sam Keam
Traductor: Joan Lluís Riera
Editorial: Ariel
Ano de publicación: 2011
Número de páxinas: 423
0 comentarios:
Publicar un comentario