Rss Feed
  1. EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS

    mércores, 14 de novembro de 2018


    Dende o IES Johan Carballeira sumámonos á campaña "Bueu en negro"








    O 17 de novembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declara a data do 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e convida a gobernos, organizacións (non) gobernamentais e organismos internacionais a que desenvolvan actividades dirixidas á sensibilización da poboación respecto da situación na que viven moitas mulleres no mundo. Desde ese ano, a cifra oficial de mulleres asasinadas polas súas parellas en España alcanza as 1242. No que levamos deste ano, 43 delas perderon a vida a mans das súas (ex) parellas, tres eran da nosa Comunidade Autónoma.
    Desde a Concellería de Fomento de Igualdade, consideramos que esta situación esixe unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas. Por iso, animamos aos nosos establecementos e locais a que expresen a súa solidariedade contra as violencias que se exercen contra as mulleres e sexa o comercio de Bueu o motor da implicación de todos os axentes sociais da nosa vila na conmemoración do 25 de novembro.
    BUEU EN NEGRO propón vestir de loito a nosa vila en sinal de dor por todas as vítimas mortas e as que viven e están a sufrir a violencia machista. Consideramos que vós tedes o protagonismo das rúas de Bueu e sodes o gran escaparate que pode transmitir á nosa veciñanza a mensaxe:  queremos Bueu libre de violencias machistas!
    Do 19 ao 25 de novembro viste a túa tenda, comercio, empresa, bar, restaurante, posto do mercado, etc de negro. Viste os manequíns, as teas de fondo, o que sexa que expoñas, ata ti mesma/o, de negro. O Concello facilitará información que compartirá a través da páxina web, así como repartirá carteis para os establecementos que participen na campaña.
    Esta campaña realizarase de xeito conxunto con outras 90 vilas e cidades galegas baixo o lema “En Negro contra as Violencias” co obxectivo de incluír en todas as axendas políticas o compromiso da loita contra as violencias machistas que son un grave problema público que afecta a toda a cidadanía.
    O noso centro engade a esta iniciativa a aportación, por parte de todo o profesorado que así o desexe, dun relato ou fragmento de texto no que quede reflectida a violencia contra as mulleres.


    AQUÍ TEDES A NOSA MOSTRA 

     CONVIDÁMOSVOS A  VISITALA 







    Na xornada do venres, profesorado, alumando e persoal non docente reunímonos EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS. Levabamos nas nosas mans un relato extraído de Invisibles: relatos do mal trato,  de Montse Fajardo.

    Aquí vos deixamos as fotos e o relato.












    PARVADAS

    Sempre fun unha tía botada para adiante pero a seguinte vez que o atopei na rúa fixen pis por min. Anuloume. Sei que é un tópico pero é certo, quedas anulada como persoa. Desdebúxaste para el e es o que el quere que sexas. Eu perdino todo. O pouco que tiña perdino. E non foi doado recupéralo. Como retomas a vida, as amizades? Como recuperas a persoa que eras? Como volves ser esa muller que pagaba a pena?

    Cando Olga preguntou por min, Alberto fíxoa agadar na sala, entrou na habitación e púxose a recoller. Tirara a lámpada da mesiña de noite e varios libros que eu tiña nun andel. Vinme a min mesma levantando un manual sobre redistribución de espazos interiores, a última novela de Almudena Grandes e unha foto da miña sobriña Natalia que tamén tirara. Como unha autómata. Cando saíu pola porta, Alberto xirouse:

    • Dille a Olga que estás ben e durmimos xuntos.
    • Vaite.

    Pero vaite da miña vida, desaparece, lárgate.

    • Todo isto é culpa túa, que non vales para nada.

    Soltou a sentenza e bateu a porta.

    Olga avisou a Marcos, o irmán de Alberto.

    • Eva, pídocho por favor, non contes nada.
    • Pero é que me pegou, Marcos.
    • Foi unha parvada, muller. É domingo, igual bebeu de máis e xa sabes que ten problemas no traballo. Está pasando unha mala racha.

    Mandeinos marchar da miña casa, ducheime, mentinme na cama. A dor no brazo non me deixou durmir, e ao amencer, cando os analxésicos xa non a disimulaban, en lugar de ir a Urxencias aquí en Lugo, collín un taxi e marchei ao hospital de Monforte, onde traballa un amigo meu. Soa. Como segundo Marcos era unha parvada, nin sequera me preguntaron se me levaban a un médico.

    Pasaran nove horas desde a malleira e sentada na sala de Urxencias seguía aturando o seu acoso telefónico. Alberto estivo chamando toda a noite. Eu cortaba sen coller e falábame polo whatsapp. Bloqueábao e recibía sms. Apagaba e ao acender tiña 39 mensaxes. Perdóame Eva, por favor, prégocho. Non sei que me pasou. Non volverá suceder. Quérote. Nunca quixen así a ninguén. Dime que me vas perdoar. Dime que non me vas deixar. Se me deixas, mátome. Fálame Eva, prégocho, non sexas así. Non me podes facer isto. É horrible, non sei como puido pasar. Tesme que odiar. Non podes odiarme, Eva, eu ámote.

    Pasei a noite aterrorizada por se aparecía pola porta, pero non apareceu. Vino logo de quince días. E mexei por min.




    Invisibles: relatos do maltrato, de Montse Fajardo




  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario