Rss Feed
  1.         
                                     

    O alcalde de Bueu recibiu este martes aos alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES Johan Carballeira, que lle presentaron o proxecto Entre rúas e as accións que van realizar 
          (Nova extraída da web do concello de Bueu)          

    O alcalde de Bueu, Félix Juncal, recibiu este martes no salón de plenos ao alumnado de 2º da ESO do IES Johan Carballeira, para coñecer de primeira man as súas propostas no marco do proxecto interdisciplinar “Entre rúas”.
     Así, os alumnos e alumnas do centro foron alternándose para explicarlle as propostas, que van desde a elaboración dunha guía turística para Bueu vista desde a perspectiva dos adolescentes, ata o redeseño e pintado dun mural nunha das rúas de Bueu a partir da obra “O Guernica” de Picasso. 

    No que se refire á guía, a proposta basearase na presentada polo CEIP A Rúa no Concello de Cangas, e será unha alternativa para os adolescentes, coa descrición de lugares, rúas ou zonas apetecibles para esta franxa de idade, buscando que inclúa fotos e travellings.

    Pola súa banda, o proxecto de arte nas rúas partirá do cadro máis famoso de Picasso para representar nel palabras relacionadas coa paz e co amor, así como co desgarro e coa agonía. 

    Segundo se especifica na memoria entregada ao alcalde por parte do alumnado, “queremos levar a cabo este proxecto para transmitir axuda aos pobos que están en guerra”.

    E xa como colofón final, proponse a proxección do documental “Vida e Máis ca vida” de Rubén Riós no Centro Social do Mar, no cal se mostran valores como o traballo en equipo, o afán de superación, a solidariedade, o esforzo e o recoñecemento da diversidade. 

    O rexedor de Bueu salientou o “compromiso e colaboración” para que estes proxectos saian adiante, e declarou que “é unha satisfacción que os rapaces e rapazas sigades loitando polos valores e pola paz”. 
    Juncal aproveitou tamén para apuntar o compromiso do Concello de Bueu en materia de erradicación da violencia e do impulso das políticas de igualdade, como se demostra ano a ano cos actos de conmemoración do Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres (25 de novembro) e do Día Internacional da Muller Traballadora (8 de marzo).

                                 
    Reacciones: 
    |
    |


  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario