O próximo luns ao acabar as aulas teremos a presentación do libro 'Cartografía dos nomes' da nosa compañeira a profesora e poeta Lucía Durán Paredes. Presentará o acto a profesora Fernanda González Briones. Trátase dun libro de poemas publicado pola editorial Apiario e gañador do premio Filomena Dato no 2021. Será, como non, na Biblioteca e comezará ás 17:45 do luns 28 de novembro. Estades todos e todas convidadas a vir!
mércores, 23 de novembro de 2022
xoves, 17 de novembro de 2022
Concurso de debuxo
mércores, 9 de novembro de 2022
Premios na V edición do concurso "Cambados, mar de letras"
Chegan boas noticias dende Cambados. Un ano máis, O IES Francisco Asorey, co patrocinio do Concello de Cambados, convocou o Premio Literario “Cambados, Mar de Letras”; xa van cinco edicións.
Todas as lectoras e lectores deste blog estarán pensando agora cales son esas boas noticias. Pois resulta que tras coñecer o fallo do concurso, entre as persoas premiadas aparecen varias do noso centro, o IES Johan Carballeira. Parabéns! Estamos desexando ler as obras agraciadas.
- Iago Álvarez Cabodevila (1.º Bacharelato C) foi agraciado co primeiro premio na modalidade de poesía, por 'Errar e non poder levantar'.
- Raquel Martínez Badea (1.º Bacharelato C) foi agraciada co primeiro premio na modalidade de relato curto por 'Querido papá'.
- Ademais, no libro conxunto que se publicará a modo de recompilación tamén aparecerá o relato 'Volve, Ada' de Nuria Estévez Rodríguez (1.º Bacharelato A).
venres, 4 de novembro de 2022
Resolución do concurso de epitafios
Unha vez localizados todos os membros do xurado que se perderan, e tras serias ameazas para conseguir que emitisen o seu veredicto (hai un que xura e perxura que non vai volver ser xurado nunca, pois case lle quebra a cabeza ao ter que tomar unha decisión), xa foron entregados os tres premios do concurso de epitafios. Estes son:
O epitafio merecente do terceiro premio debémosllo ás cabezas pensantes de Manel, Uxía, Alejandra e María. Nada máis e nada menos que un cuarteto é o que está detrás deste curioso epitafio.
O segundo premio, no bordo do éxito máis absoluto, pero igualmente con gran mérito, vai para Leire Padín e Iria Casal.
E por último, o primeiro premio foi parar a... redobre de tambores... ran rataplán! O flamante gañador do I concurso de epitafios da Biblioteca do IES Johan Carballeira, na súa edición do 2022, é... JAIME PASTORIZA!
Moitos parabéns para Jaime, pero tamén para o resto de persoas premiadas e para todas aquelas que participaron no concurso, xa que os bos momentos pasados permanecen para sempre.
E dende este mesmo momento, que todo o mundo siga con atención as redes da biblioteca (neste insigne blog, ou no máis moderno Instagram) para non perderse próximos eventos e concursos que se organicen. Xentiña, vémonos na biblioteca!







