O próximo luns ao acabar as aulas teremos a presentación do libro 'Cartografía dos nomes' da nosa compañeira a profesora e poeta Lucía Durán Paredes. Presentará o acto a profesora Fernanda González Briones. Trátase dun libro de poemas publicado pola editorial Apiario e gañador do premio Filomena Dato no 2021. Será, como non, na Biblioteca e comezará ás 17:45 do luns 28 de novembro. Estades todos e todas convidadas a vir!
mércores, 23 de novembro de 2022
xoves, 17 de novembro de 2022
Concurso de debuxo
mércores, 9 de novembro de 2022
Premios na V edición do concurso "Cambados, mar de letras"
Chegan boas noticias dende Cambados. Un ano máis, O IES Francisco Asorey, co patrocinio do Concello de Cambados, convocou o Premio Literario “Cambados, Mar de Letras”; xa van cinco edicións.
Todas as lectoras e lectores deste blog estarán pensando agora cales son esas boas noticias. Pois resulta que tras coñecer o fallo do concurso, entre as persoas premiadas aparecen varias do noso centro, o IES Johan Carballeira. Parabéns! Estamos desexando ler as obras agraciadas.
- Iago Álvarez Cabodevila (1.º Bacharelato C) foi agraciado co primeiro premio na modalidade de poesía, por 'Errar e non poder levantar'.
- Raquel Martínez Badea (1.º Bacharelato C) foi agraciada co primeiro premio na modalidade de relato curto por 'Querido papá'.
- Ademais, no libro conxunto que se publicará a modo de recompilación tamén aparecerá o relato 'Volve, Ada' de Nuria Estévez Rodríguez (1.º Bacharelato A).
venres, 4 de novembro de 2022
Resolución do concurso de epitafios
Unha vez localizados todos os membros do xurado que se perderan, e tras serias ameazas para conseguir que emitisen o seu veredicto (hai un que xura e perxura que non vai volver ser xurado nunca, pois case lle quebra a cabeza ao ter que tomar unha decisión), xa foron entregados os tres premios do concurso de epitafios. Estes son:
O epitafio merecente do terceiro premio debémosllo ás cabezas pensantes de Manel, Uxía, Alejandra e María. Nada máis e nada menos que un cuarteto é o que está detrás deste curioso epitafio.
O segundo premio, no bordo do éxito máis absoluto, pero igualmente con gran mérito, vai para Leire Padín e Iria Casal.
E por último, o primeiro premio foi parar a... redobre de tambores... ran rataplán! O flamante gañador do I concurso de epitafios da Biblioteca do IES Johan Carballeira, na súa edición do 2022, é... JAIME PASTORIZA!
Moitos parabéns para Jaime, pero tamén para o resto de persoas premiadas e para todas aquelas que participaron no concurso, xa que os bos momentos pasados permanecen para sempre.
E dende este mesmo momento, que todo o mundo siga con atención as redes da biblioteca (neste insigne blog, ou no máis moderno Instagram) para non perderse próximos eventos e concursos que se organicen. Xentiña, vémonos na biblioteca!
venres, 28 de outubro de 2022
Os epitafios, vistos para sentencia
Hoxe venres 28 remataba o prazo para a entrega dos epitafios. Un concurso que se anunciaba neste mesmo blog a semana pasada, e que obrigou ao alumnado a sacar o máximo partido do seu enxeño. Por sorte, foron moitas as que o conseguiron.
Con case medio centenar de participantes, o labor do xurado está sendo titánico, hercúleo, e contan as lendas que algún dos seus membros se atopa agora mesmo vagando polos corredores, a modo de zombi: mirada perdida, andar errático, palidez nívea. Por favor, se atopades a alguén nese estado, axudádelle a regresar á biblioteca, onde inexorablemente debe decidir a súa selección por moi complicado que resulte escoller entre tal abano de opcións.
Os epitafios están expostos na biblioteca, e así todo o mundo pode pasar por alí para gozar da imaxinación do noso alumnado. Hainos de moitos tipos: divertidos, retranqueiros, reflexivos, ecoloxistas, artísticos... para todos os gustos, vaia. Velaquí unha mostra, pero non te contentes coa foto e visita a exposición para degustalos in situ. Deixarémolos a semana que vén nese mesmo sitio para que ninguén quede sen a oportunidade de coñecer estes magníficos exemplares.
sábado, 22 de outubro de 2022
Celebrando o día das Bibliotecas
A idea de BiblioTEcuida nace para destacar o papel das bibliotecas coma espazos abertos e libres que se preocupan por atender ás persoas mediante diversos servizos e recursos procurando ser sempre integradoras.
Calquera membro da comunidade educativa pode achegarse á Biblioteca do IES Johan Carballeira e procurar algunha opción que lle preste, que entreteña e enriqueza. Que non a atopas? Ponte en contacto con alguén do equipo da biblioteca, estaremos encantados de asistirte no proceso de busca para que non quedes coas mans -e a mente- baleiras.
Pensa que a lectura ten o poder de impactar directamente no desenvolvemento e no mantemento das capacidades cognitivas dunha persoa, o cal redunda no seu benestar e na súa saúde mental. Aproveitemos este día de celebración para manifestar o noso amor polos libros, e para visibilizar e destacar o importante rol que asignamos ás bibliotecas.
xoves, 20 de outubro de 2022
Concurso de epitafios
Sabes que é un epitafio? Non? Seguro que non? Aínda estás a tempo de buscalo en Google, bule!
E se non o sabes, xa cho contamos aquí: basicamente, un epitafio é un texto que honra un defunto, e adoita estar inscrito sobre a súa tumba. Na Billy Wilder, por exemplo. Sabes quen era?
Pois ben, dende a Biblioteca organízase para esta semana un CONCURSO DE EPITAFIOS. Para saber como participar, velaquí tes as bases:
Se precisas un chisco máis de información sobre os epitafios, ou simplemente queres ler algúns xa existentes para coller inspiración, preparamos un pdf para tal fin.
Pincha aquí para acceder ao documento
Así que xa sabes, dálle ao maxín e anímate a participar. E non esquezas entregar a túa proposta o venres día 28 ás 10:30 na Biblioteca. Haberá regalos para os tres mellores e, máis importante aínda, a oportunidade de dar vía libre á túa creatividade. Moita sorte!
domingo, 16 de outubro de 2022
Día das escritoras 2022
Dende o ano 2016 vense celebrando o Día das Escritoras. Unha vez ao ano, no luns máis próxima á data do 15 de outubro, data esta última na que se celebra a festividade de Teresa de Ávila. Nesta ocasión, celebrámolo o luns 17 de outubro.
Con esta conmemoración o que pretendemos é mostrar o legado das mulleres escritoras, visibilizar os seus traballos e loitar pola eliminación da discriminación que veñen sufrindo ao longo da historia.
Ao abeiro destes obxectivos, na Biblioteca do IES Johan Carballeira decidimos colocar unha mesa, na entrada do instituto, na que amosar unha colección de libros todos eles escritos por mulleres. Son só un feixe, hai moitos máis, e son fantásticos, marabillosos, engaiolantes.
Atrévete a entrar na Biblioteca e tomar emprestado algún exemplar, e se non sabes cal é o que máis che acae, non dubides en pedir recomendacións a algunha compañeira ou compañeiro ou ao profesorado. Paga a pena.
luns, 3 de outubro de 2022
O catálogo da biblioteca, por fin en liña
Grandes novas chegan á nosa biblioteca, mediante fantásticos avances que permiten as novas tecnoloxías. Grazas ao traballo das Bibliotecas Escolares de Galicia, dende agora todo o mundo ten acceso en liña ao noso catálogo de fondos. Para acceder a el, o único que tes que facer é pinchar neste enlace.
- Queres saber se temos ese libro que estás desexando ler? Pois agora podes consultar non só se o temos, tamén se está dispoñible ou non para que o poidas levar á túa casa!
- Queres estar ao tanto das novas adquisicións porque che gusta ler as últimas novidades? Pois cun par de clicks podes revisar as últimas incorporacións ao catálogo.
- Queres descubrir cales son os libros que máis veces se prestaron na nosa biblioteca? Pois esa funcionalidade xa está dispoñible para satisfacer a túa curiosidade.
martes, 27 de setembro de 2022
Os nenos da varíola no Proxecto Competencial
Na materia Proxecto Competencial, o alumnado de 1.º ESO A utilizou proveitosamente o espazo que ofrece a nosa biblioteca. Levaron a cabo, na mañá de hoxe, a scape room 'Feito na casa', no transcurso da cal tiñan que atopar varios exemplares do libro 'Os nenos da varíola'.
Sabes quen escribiu ese libro? Coñeces a interesantísima historia que nel se conta? Algunha vez escoitaches falar de Isabel Zendal?
Se a túa resposta ás anteriores preguntas é que non... deixa de esperar, acode á biblioteca para pedir o libro en préstamo e mergúllate neste fascinante relato.
martes, 13 de setembro de 2022
Con azos renovados
Chega un novo setembro, e a biblioteca do IES Johan de Carballeira está de volta. Xa estamos comezando a pensar nas actividades que se celebrarán este curso.
Coma sempre, a biblioteca pode ser o teu espazo de referencia: un lugar aberto a todas para ler, para compartir, para aprender.
Lembra que nos podes seguir en Instagram, e tamén podes consultar unha presentación da biblioteca na páxina web do noso centro.
venres, 20 de maio de 2022
Visita á Expotaku!
Os membros do clube de lectura manga viaxou Á Coruña para gozar da Expotaku!
A foto dá boa mostra do ben que o pasamos!
mércores, 4 de maio de 2022
Co gallo do Día das Letras Galegas, que se celebra cada 17 de maio, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Equipo da Biblioteca e os Departamentos de Lingua Galega e Literatura e de Música do IES Johan Carballeira convídanvos a encher as redes sociais de música en galego.
Quen dixo que en galego só existe música tradicional? Trap, pop, rap, reguetón, rock, indie, folc....o galego é a lingua empregada por numerosos grupos e artistas para a súa música. Animádesvos a coñecelos e presentárllelos ás vosas seguidores e seguidoras?
Durante esta semana, semana das Letras Galegas, propoñémosvos penduras nas vosas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter, Tik Tok...) cancións en galego dos estilos que máis vos gusten; podedes acompañalas do que queirades (imaxes, textos, vídeos....), pero sempre debedes publicalas co cancelo #carballeiraaritmodasletras e etiquetando a @bibliojcarballeira, para poder compartir.
Ademais, se empregades o Facebook ou o Instagram, podedes nomear tamén ao instituto (IES Johan Carballeira en Facebook e @iesjcarballeira no Instagram)
sábado, 26 de marzo de 2022
Manifesto Día do Teatro
Mañá, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro. Aquí vos deixamos o manifesto galego: Somos.
luns, 21 de marzo de 2022
domingo, 20 de marzo de 2022
Día da poesía (3º parte)
Para conmemorar o día da poesía 2022 aquí temos a diferentes membros do profesorado e alumnado recitando os seus poemas preferidos!
Día da poesía (2º parte)
Día da poesía (1º parte)
mércores, 16 de marzo de 2022
POEMARES
Co gallo do día da poesía, que se festexa o vindeiro 21 de marzo, no centro celébrase o concurso de murais poéticos Poemares.
Estes son os nosos candidatos ao premio!
1.
2.
3.4.
5.
6.
7.
E ti, con cal quedas?!
luns, 14 de febreiro de 2022
Día Internacional da muller e a nena na ciencia
O pasado venres 11 de febreiro conmemorouse o día internacional da muller e a nena na ciencia para destacar as contribucións que ao longo da historia achegaron as mulleres á ciencia. Un labor que foi silenciado, repudiado e incluso negado durante séculos.
E como non, no noso centro, achegamos o noso pequeno gran de area dando a coñecer figuras de importancia histórica coma Wang Zhengi, Sophie Germain, Beulah Louise Henry ou Rita Levi-Montalcini, entre outras.
martes, 8 de febreiro de 2022
Paulo presenta....
domingo, 6 de febreiro de 2022
Presentación de BOCADOS MATEMÁTICOS
Este luns, 7 de xaneiro, ao rematar as clases do horario de diurno, teremos a presentación do libro Bocados Matemáticos do noso profesor e compañeiro Paulo González Ogando.
É o momento perfecto para conseguir ter o teu libro asinado polo autor ou.... para rascar esas décimas que che faltan para aprobar as matemáticas.
Animádevos!










.jpeg)
.jpeg)

















