xoves, 31 de xaneiro de 2019

Comentario de Tensi Gesteira sobre Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta











Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta









Son filla dunha muller planta e dun gardián. Iso converteume na gardiá desta fraga. O meu deber é custodiala por riba de todo. Os seres humanos son destrutivos. A súa natureza impúlsaos a esnaquizalo todo. Que pensas que ocorrería se alguén descobre que existe este lugar?”.

Ledicia Costas é unha das escritoras máis recoñecidas do panorama literario galego e español, e por iso terá moita importancia nesta II Feira da Ciencia e da Literatura pois, como ben saberedes, as súas historias combinan á perfección o amor cara aos libros e o mundo da ciencia, xustamente o que se persegue nesta nova edición da nosa feira. Pois ben, a unión destas dúas disciplinas obsérvase en Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, novela xuvenil coa que gañou o Premio Lazarillo de Creación Literaria no ano 2015.
A historia que se conta ten que ver con Jules Verne, un autor francés que ten entre os seus logros o de facer que moitos rapaces e rapazas amasen a lectura e a busca de aventuras nos libros. Este home recala no porto de Vigo o 19 de maio de 1884 a bordo dun impoñente iate. Cal é a súa misión e por que vén ata Vigo? A razón non é outra que atopar a pista das misteriosas mulleres planta. Nesa busca atópase por casualidade coa botica do vello Philipot, onde o ancián vive coa súa muller e a súa neta, baixo as que recae un misterio moito tempo resgardado. Pero Jules e mailo seu grumete Pierre emprenden un camiño emprenderán o camiño para atopar respostas e aí xogará un papel importante o submarino de Antonio Sanjurjo Badía, da fábrica La Industriosa.
A mestura da ficción e a realidade fai deste libro un bo instrumento de aprendizaxe. E é que mentres nos deixamos levar pola historia, sorpréndennos as coidadas descricións da cidade de Vigo, nun tempo no que as casas rurais se complementaban xa coas estampas propias da industrialización, como as fábricas. A ciencia constitúe, tamén, un dos grandes temas do libro, pois grazas ás mulleres planta reflexionamos sobre a necesidade de coidar o planeta e as especies que nel habitan.

Por último, quixera reivindicar a importancia que teñen estes libros na educación da rapazada, pois nel demóstrase que as novelas e os laboratorios científicos non están tan afastados como sempre nos fixeron crer, pois unha persoa pode sentir paixón por investigar e por vivir fermosas aventuras. E non esquezamos tampouco a importancia de que sexa unha nena, Violeta, a que leve o peso da acción e que axude na consecución da igualdade, ofrecendo espellos para que as rapazas poidan mirarse.


Ah! e non esquezades que a teremos con nós o vindeiro 19 de febreiro. Alí nos vemos para coñecer mellor o xermolo das súas letras.

Ficha técnica
Título: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta
Autora: Ledicia Costas
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2016
Número de páxinas: 240

Ningún comentario:

Publicar un comentario