venres, 2 de decembro de 2016

BOLBORETAS


O pasado venres 25 de novembro a planta baixa do instituto apareceu chea de bolboretas.
As súas ás de rechamantes cores encheron a entrada, os corredores e as portas dos despachos. Algunhas quedaron atrapadas en redes e outras pousaron nas columnas, paneis e taboleiros. 

Por que tantas bolboretas?

Foi a nosa particular homenaxe ás tres irmás dominicanas Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, asasinadas o 25 de novembro de 1960 polo seu activismo político contra o réxime do ditador Rafael Leónidas Trujillo. 
Formaban parte dun grupo de oposición ao réxime dentro do cal eran coñecidas co nome de "Las Mariposas"
E é na honra destas tres valorosas mulleres que cada 25 N conmemoramos o día Internacional da eliminación da Violencia contra as Mulleres.


O noso centro non quixo esquecelas neste día. E grazas á colaboración do profesorado e alumnado puidemos recordalas con admiración, afecto e respecto coas seguintes actividades:

  • Os alumnos de 2º ESO A, 2º ESO B e 2º PMAR recortaron as bolboretas e entre varios profes e alumnos adornamos o instituto. 
  • Os alumnos de 3º PMAR e 1º ESO B buscaron información sobre as irmás Mirabal e sobre a violencia de xénero, e a información recompilada publicouse no taboleiro das bolboretas.
  • Raúl Piñeiro, Juan Urbano e Raúl López fixeron bolboretas de origami.
  • Todos sabemos como se di bolboretas en castelán e en inglés, pero, ademais:
    • A nai de Lía Menduíña díxonos como se dicía bolboretas en holandés e en alemán.
    • Emma Lascu ensinounos a dicir bolboretas en romanés.
    • Buscamos a palabra bolboretas na Lingua de Signos Española, co Alfabeto Dactilolóxico Español e en Braille.
    • Ana Lourido (profe de francés) traduciu a palabra bolboretas ao francés.
    • Eloi Gestido (ex-alumno do instituto) indicounos a tradución de bolboretas ao portugués.
    • Josefina (xefa de estudos de nocturno) pasounos moita información: bolboretas en latín, en grego antigo, en grego moderno, en italiano e en catalán.
    • Buscamos a tradución de bolboretas ao vasco.

Como colofón, o mesmo venres 25 de novembro, recibimos no noso centro a visita dun grupo de alumnos dos veciños IES Illa de Ons e CEIP A Pedra. 
Nun acto cargado de emotividade, eles foron escollendo un por un, entre a desgraciadamente longa listaxe de mulleres asasinadas, o nome da que quixeron honrar escribindo o seu nome nas ás dunha das bolboretas. 

Porque din que ninguén morre de todo se hai alguén que o recorde...


E así foi como aproveitando esta data especial, aprendemos e compartimos moitas cousas...

Moitas grazas a todos e a todas!










Ningún comentario:

Publicar un comentario