Rss Feed
  1. O inicio da etapa no instituto trae consigo moitas novidades, e unha das máis especiais é descubrir a nosa biblioteca escolar. Estes días recibimos ao alumnado de 1.º da ESO para coñecer de preto este espazo que, máis alá dun lugar de estudo, é tamén un punto de encontro, de intercambio e de creatividade. Lemos libros, xogamos a xogos de mesa, participamos en concursos...

    Durante a visita explicámoslles como está organizada a biblioteca, como funcionan os préstamos e devolucións e algunhas actividades que se van desenvolver ao longo do curso. Tamén descubriron os recantos de lectura, os xogos de mesa e os centros de interese.

    Con este recibimento queremos que se sintan parte da comunidade lectora do IES Johan Carballeira e que vexan a biblioteca como un lugar propio no que aprender, compartir e crecer.


  2. Buscamos alumnado voluntario

    mércores, 10 de setembro de 2025

    Queres formar parte do equipo de alumnado voluntario da Biblioteca do IES Johan Carballeira?

    O voluntariado é unha oportunidade para colaborar no día a día da nosa biblioteca: atender no recreo, axudar coas tarefas de préstamos e devolucións, manter a orde nos andeis e, sobre todo, facer que a biblioteca sexa un espazo vivo e aberto para todo o alumnado.

    Porque cando ti axudas, todas e todos medramos. Cada pequena acción suma, e grazas ao voluntariado a biblioteca gaña vida e o centro medra.

    📅O mércores 17 de setembro, no recreo, teremos unha reunión inicial para explicar o funcionamento e recibir ao novo equipo.

    Se che gusta ler, organizar, colaborar ou simplemente pasar un bo rato facendo que a biblioteca sexa mellor… anímate a participar!




  3. Dámoslle a benvida ao novo curso escolar. A Biblioteca Escolar tamén se pon en marcha e quere acompañarvos dende o primeiro día. Xa está aberta nos recreos para tod@s.

    Para comezar con bo pé, podedes ver nos expositores de novidades os últimos libros recibidos: lecturas frescas, variadas e para todos os gustos, que vos convidamos a descubrir nos recreos e nas vosas visitas á biblioteca. Se algunha vos enche o ollo, podedes levala xa en préstamo.

    Así que é o momento de achegarvos, coller un libro e deixarvos levar polas historias. A mellor maneira de empezar o curso é tamén empezar unha nova lectura! 📚✨


  4. Un novo curso e retomamos o blog

    martes, 2 de setembro de 2025

    Comezamos un novo curso escolar, o 2025/2026. Un ano máis chega cargado de ilusións, retos e proxectos. A Biblioteca Escolar do IES Johan Carballeira quere ser, unha vez máis, un espazo aberto á lectura, á información, á aprendizaxe e á convivencia.



    Este blog retoma a súa actividade para compartir convosco novidades, recomendacións lectoras, propostas de dinamización, actividades culturais e recursos que poidan enriquecer o día a día do noso alumnado e profesorado.

    Queremos que a biblioteca siga a ser un lugar de encontro, de descubrimento e de creación, onde todas as persoas teñan cabida. Aquí atoparedes información práctica sobre o funcionamento da biblioteca, pero tamén propostas para participar, colaborar e gozar coa lectura e coa cultura.

    Agardamos a vosa visita, tanto no espazo físico da biblioteca como neste espazo virtual. Contamos convosco para facer da nosa biblioteca un lugar vivo, participativo e sempre en movemento.

    Lembrade que nos podedes seguir en Instagram, e tamén podes consultar unha presentación da biblioteca na páxina web do noso centro

    Benvidas e benvidos ao novo curso. Imos enredar xuntos entre libros, historias e aprendizaxes!


  5. Torneo de xadrez

    xoves, 23 de novembro de 2023

    Na Biblioteca do centro estes días vense celebrando un torneo de xadrez. As partidas teñen lugar no recreo, en tres roldas sucesivas.

    Mañá venres 24 van ter lugar as últimas partidas e o torneo chegará á súa fin. As espadas están en todo o alto, non sabemos aínda quen gañará. Máxima emoción até o último momento, mañá podedes vir todas para presenciar o desenlace. Como podedes ver na foto, durante as partidas a expectación é considerable, congrégase unha multitude desexosa de seguir o descorrer dos xogos.



    Para o luns quedará a entrega de trofeos. Non podedes deixar pasar a ocasión... e ide pensando en apuntarvos na próxima edición! Que queremos máis participantes!


  6. Esta semana chegaron boas novas ao noso IES: soubemos que Óscar, alumno de 2.º Bacharelato, foi merecedor do primeiro premio na VI edición do concurso literario "Cambados, mar de letras", na categoría de poesía.

    Hoxe celebrouse, no salón de actos do IES Francisco Asorey de Cambados, a cerimonia de entrega de premios. Ata aló foi Óscar xunto cunha delegación do centro para darlle o seu apoio. E ben que fixo falla, que o trofeo pesaba un quintal!

    Cando xa estabamos alí as boas novas continuaron. Resulta que no momento no que se deron a coñecer os accésits, entre eles figuraba Iago, tamén alumno de 2.º Bacharelato no noso centro.

    Dende aquí, os nosos parabéns a ambos polo seu labor literario! E oxalá que continúen coa escrita, isto só debe servir coma un pulo para seguir desenvolvendo as súas dotes literarias.







  7. O consurso 'Fotos lendo' xa ten gañadores

    venres, 12 de maio de 2023

    Así é, e as deliberacións do xurado non foron nada doadas, como adoita ocorrer. Sempre hai un bo nivel entre todas as participantes.

    O primeiro premio foi Mateo pola súa foto 'Cada libro é unha nova viaxe'.


    O segundo premio correspóndelle a Mario, pola súa foto 'Negra sombra'.


    O terceiro premio compárteno ex-aequo Lara (coa foto 'Safe place') e André (con 'Dende o meu curruncho').