xoves, 15 de outubro de 2026

Día das Escritoras 2026: as amigas como forma de liberdade

O próximo 19 de outubro celébrase o Día das Escritoras, unha iniciativa que busca reivindicar o legado literario das mulleres, recuperar voces que durante moito tempo permaneceron invisibilizadas e recoñecer a súa contribución á cultura.

 

A XI edición desta conmemoración leva por lema «As amigas como forma de liberdade» e está dedicada ao centenario da fundación do Lyceum Club Femenino, un espazo de encontro, colaboración e apoio mutuo entre mulleres. A celebración destaca a importancia da amizade e das redes femininas como motores de liberdade, creación e transformación social.

Dende a BiblioCarballeira quixemos sumarnos a esta iniciativa cunha exposición bibliográfica no vestíbulo do IES Johan Carballeira, na que reunimos unha selección de obras escritas por mulleres. Entre elas atopamos títulos de Marilar Aleixandre, Paula Carballeira, Emma Pedreira, Teresa Moure e outras autoras que nos ofrecen diferentes perspectivas, historias e formas de entender o mundo.



 

As Bibliotecas Escolares de Galicia elaboraron tamén unha escolma de textos de escritoras galegas arredor do lema deste ano, na que ocupa un lugar destacado Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026.

Convidamos a toda a comunidade educativa a achegarse á exposición, descubrir estas obras e seguir dando protagonismo ás voces das escritoras nas nosas lecturas.

📚 Porque ler as escritoras tamén é recoñecer a súa voz, a súa historia e o seu legado.

Máis información: https://bibliotecas.edu.xunta.gal/actualidade/dia-das-escritoras-2026

Ningún comentario:

Publicar un comentario