xoves, 23 de novembro de 2023

Torneo de xadrez

Na Biblioteca do centro estes días vense celebrando un torneo de xadrez. As partidas teñen lugar no recreo, en tres roldas sucesivas.

Mañá venres 24 van ter lugar as últimas partidas e o torneo chegará á súa fin. As espadas están en todo o alto, non sabemos aínda quen gañará. Máxima emoción até o último momento, mañá podedes vir todas para presenciar o desenlace. Como podedes ver na foto, durante as partidas a expectación é considerable, congrégase unha multitude desexosa de seguir o descorrer dos xogos.



Para o luns quedará a entrega de trofeos. Non podedes deixar pasar a ocasión... e ide pensando en apuntarvos na próxima edición! Que queremos máis participantes!

xoves, 9 de novembro de 2023

Premiados na VI edición do concurso literario "Cambados, mar de letras"

Esta semana chegaron boas novas ao noso IES: soubemos que Óscar, alumno de 2.º Bacharelato, foi merecedor do primeiro premio na VI edición do concurso literario "Cambados, mar de letras", na categoría de poesía.

Hoxe celebrouse, no salón de actos do IES Francisco Asorey de Cambados, a cerimonia de entrega de premios. Ata aló foi Óscar xunto cunha delegación do centro para darlle o seu apoio. E ben que fixo falla, que o trofeo pesaba un quintal!

Cando xa estabamos alí as boas novas continuaron. Resulta que no momento no que se deron a coñecer os accésits, entre eles figuraba Iago, tamén alumno de 2.º Bacharelato no noso centro.

Dende aquí, os nosos parabéns a ambos polo seu labor literario! E oxalá que continúen coa escrita, isto só debe servir coma un pulo para seguir desenvolvendo as súas dotes literarias.






venres, 12 de maio de 2023

O consurso 'Fotos lendo' xa ten gañadores

Así é, e as deliberacións do xurado non foron nada doadas, como adoita ocorrer. Sempre hai un bo nivel entre todas as participantes.

O primeiro premio foi Mateo pola súa foto 'Cada libro é unha nova viaxe'.


O segundo premio correspóndelle a Mario, pola súa foto 'Negra sombra'.


O terceiro premio compárteno ex-aequo Lara (coa foto 'Safe place') e André (con 'Dende o meu curruncho').




martes, 25 de abril de 2023

Concurso 'Fotos lendo'

Na biblioteca do IES Johan Carballeira abrimos esta semana un novo concurso. Trátase do 'Fotos lendo'. A forma de participar é moi sinxela: faite fotos lendo, elixe unha que sexa orixinal e na que saias ben, e acompáñaa dun título/lema representativo. Manda a foto por correo electrónico a bibliocarballeira@iesjohancarballeira.com, e só con iso xa participarás no concurso.

Haberá tres premios de 30, 20 e 10 euros para as mellores fotos. Sé creativa e, sobre todo, le e goza da lectura!




Outlet de libros

Os días 27 e 28 de abril (un xoves e un venres) verás no vestíbulo unha mesa. Nesa mesa haberá libros. Achégate sen medo! Tratatarase dun outlet de libros, e poderás levar aqueles que máis che presten. O único requisito que che pedimos é o de traer da casa para deixar na mesa tantos exemplares como leves.

Ben, en realidade hai un requisito máis: entre os libros que traias non debe haber libros infantís, xa que a idea é que aqueles libros que deixen sexan recollidos por outras persoas, e ao estarmos nun IES os libros infantís non teñen saída.




martes, 21 de marzo de 2023

Dia Mundial da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, coma todos os 21 de marzo dende o ano 1999, é o Día Mundial da Poesía. Dende o equipo da Biblioteca non puidemos resistirnos á tentación de sumarnos aos festexos, e mirade que vídeo tan fermoso elaborou o alumnado de 3.º ESO. Súas son as voces, mentres que o texto é de Chus Pato




venres, 17 de marzo de 2023

Satisfacción coa visita das avoas

A semana pasada compartimos unha actividade realizada no centro co gallo do 8M, relacionada con mulleres traballadoras.

Como parte desa actividade en 1.º ESO varias avoas viñeron compartir con nós as súas experiencias. Velaquí un texto que elaboraron posteriormente Martín, Blanca, Leo, Martina e Violeta, de 1.º A, co que nos achegan a súa reflexión sobre a dita actividade.

<<O mércores 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a clase de lingua foi moi diferente a como a facemos normalmente, pois tivemos a visita de Ana, a avoa de Carla, e de Gloria, a bisavoa de Sara. Nas clases anteriores preparamos os temas e as preguntas e contáronnos cousas moi curiosas, como que comezaron a traballar aos 14 anos ou casaron con 18 e 20 anos. Os seus castigos na escola eran unha tortura, porque lles daban coa regra ou lles poñían libros nos brazos abertos en cruz. Ao escoitar o que nos dixeron, decatámonos de canto cambiou a vida nuns anos e pensamos no ben que vivimos hoxe en día. Foi unha experiencia moi bonita e encantaríanos repetir porque aprendemos moito e déronnos unha gran lección de vida.>>

 







 

 

 

 

sábado, 11 de marzo de 2023

Mulleres traballadoras

Co gallo da celebración do 8M no centro estivemos moi ocupadas: por un lado algúns grupos (de 3.º ESO, 4.º ESO ou o de adultos) recibiron a varias mulleres traballadoras que concederon "roldas de prensa profesionais", e por outro lado en 1.º ESO varias avoas viñeron compartir con nós as súas experiencias.

Pola parte que nos toca, tan só nos queda expresar a nosa humilde e sincera gratitude a todas as mulleres traballadoras que viñeron esta semana contarnos as súas moi interesantes vivencias. Grazas de corazón!











venres, 3 de marzo de 2023

Roldas de prensa profesionais

Achégase a Semana do 8 de marzo, que dende hai anos vén sendo o Día Internacional da Muller, e o equipo da Biblioteca organiza un gprograma de charlas e actividades destinado ao noso alumnado. Neste caso centrámonos nos grupos de 3.º A e 4.º da ESO, 2.º Bacharelato A e .4º da ESA; recibirán a visita de mulleres con distintos oficios para falar con elas sobre como chegaron até aí, en que consiste o seu traballo, se sufriron ou sofren algunha discriminación polo feito de seren mulleres e todo aquilo que teña que ver con esas cuestións. Ídevos preparando para aproveitar ao máximo esas charlas, que a ben seguron han resultar de grande interese!




sábado, 25 de febreiro de 2023

Resolución do concurso de memes

Chegou o día, e xa temos memes gañadores do I concurso. A súa calidade e a súa gracia son innegables; parabéns ás persoas premiadas!

Noara e Andrea, de 2.º ESO B, cren que a mellor forma de ensinar é predicando co exemplo.




Héctor e Jaime, tamén de 2.º ESO B, pecaban de pesimistas e non agardaban que moita xente se disfrazase.



Judith e Noa, de 2.º ESO B (non podía ser doutro xeito), adoitan facer todos os exercicios que manda o profesorado, pero ás veces...



Por último, Fabiola e Hugo, de 3.º ESO B, abogan por un espazo libre de fumes.












mércores, 15 de febreiro de 2023

I concurso de memes

Dende a Biblioteca do IES Johan Carballeira estamos organizando un festival de memes para o 24 de febreiro. Ese día serán proxectados na biblioteca no recreo os memes e votarase polos mellores. Haberá premios para os tres primeiros postos, que se decidirán polas puntuacións do xurado e do alumnado. A temática dos memes é... os anos 80! Como sabedes este é tamén o tema do Entroido no noso instituto este curso.




As plantillas coas que podes elaborar o teu meme están dispoñibles neste enlace.