O mundo vai demasiado lento para min. A reaildade dórmeme, abúrreme, non me gusta. Quen puidese premer un botón e acelerar os sucesos. Por que tanto agardar?
"Centro cidade", Bonus track
Rosalía Fernández Rial compartiu connosco este luns reflexións e impresións sobre o seu libro de relatos poéticos e musicais Bonus track.
Lido e traballado polo alumnado de 1º de bacharelato o trimestre pasado, consta dunha serie de relatos nada canónicos, punk e sorpendentes que, a pesar diso, non perden a oportunidade de facernos reflexionar sobre a opresión das mulleres, a identidade sexual e as persoas inmigrantes, indixentes ou, simplemente, marxinadas nesta sociedade. Todos os contos están inzados de referencias literarias, artísticas e,sobre todo, musicais.
Por iso comezou a sesión cun recitado de fragmentos dalgúns relatos, acompañados desta música tan importante na obra. A continuación tivemos un interesante coloquio, no que moitas das preguntas tiveron relación co sentido dalgúns finais de difícil interpretación, aínda que ela xa nos advertira de que, desde o momento en que o publicou o libro, xa é máis noso ca seu.
Falamos do que é ou non é arte, da rebeldía xuvenil ou das drogas, así que non podemos máis que agradecerlle que se achegase desde Cabana de Bergantiños ata Bueu (aínda que fose sen bou) e que nos fixese reparar nese acento noso que a ela tanto lle gusta.
Velaquí vos deixamos un Vídeo sobre o libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario