mércores, 8 de maio de 2019

A conselleira de Educación participou na apertura da II Feira da Ciencia e Literatura de Bueu

Carmen Pomar subliña o papel das bibliotecas escolares no fomento da lectura comprensiva e crítica entre os máis novos

A conselleira de Educación participou na apertura da II Feira da Ciencia e Literatura de Bueu
O evento, que conta co apoio da Consellería, foi impulsado polo IES Johan Carballeira en colaboración co resto dos centros educativos de Bueu, Concello e entidades e organizacións locais
Sáb, 04/05/2019 - 13:00
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá a II Feira da Ciencia e Literatura de Bueu, pilotada polo IES Johan Carballeira en colaboración co resto dos centros educativos da localidade, así como coa participación do Concello e de entidades e organizacións locais, e co apoio da Consellería, e que ten por obxectivo achegar ao público en xeral a ciencia e a literatura que se traballa nos centros.
A conselleira Carmen Pomar subliñou o interese desta iniciativa que xorde da comunidade educativa e que “fai posible o imposible: que ciencias e letras compartan espazo e que o fagan na rúa, da man das rapazas e rapaces”.
“Os libros agochan no seu interior as chaves para abrir a nosa mente e sementar a curiosidade, fonte de todo descubrimento”, dixo a conselleira, quen puxo en valor o papel que xogan as bibliotecas escolares no fomento da lectura crítica e comprensiva por parte dos máis novos.
“Hoxe podemos dicir con orgullo que as bibliotecas dos centros son un espazo de encontro e de cohesión social, de creación e de pensamento crítico”, abondou Carmen Pomar, que aproveitou para felicitar a comunidade educativa de Bueu por impulsar esta feira.
Ademais de achegar estas dúas disciplinas á sociedade, esta segunda edición márcase como obxectivos desmitificar a ciencia presentándoa como algo lúdico e sinxelo e dar visibilidade ás mulleres destacadas nos ámbitos científico e literario.
Os protagonistas son, unha vez máis, as alumnas e alumnos dos CEIP A Pedra, Torre-Cela, e Montemogos, do CPR Virxe Milagrosa e do IES Illa de Ons, que se encargarán de presentar o traballo levado a cabo neste eido, a través de obradoiros específicos e proxeccións durante toda a xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario