Cando era pequena lembro que odiaba a ciencia. Non entendía nada sobre o
que os astros, buratos negros, e demais axentes do cosmos, e todo porque non
dera cos libros adecuados para comprender a maxia do universo. Por iso me enche
de ilusión ler agora La clave secreta del universo, de Lucy e Stephen
Hawking, unha proposta moi acaída para esta II Feira da Ciencia e da
Literatura, precisamente porque nos inocula a maxia de saber sobre o mundo que
nos rodea e os seus misterios, ao tempo que conciencia a respecto da necesidade
de coidar o planeta,
Mentres lía este libro chegou a min a historia de dúas rapazas belgas que revolucionan
a loita contra o cambio climático. Anuna De Wever, de 17 anos, e Kyra
Gantois, de 19, reúnen cada xoves desde comezos deste ano a milleiros de mozos
e mozas para protestar pacificamente contra o cambio climático, tomando a
testemuña da adolescente sueca Greta Thunberg, todo un referente nesta loita
que se estende a nivel mundial e que tamén chega ao noso país. De Wever declara que "Os adultos seguen dicindo: 'Deamos esperanza
aos mozos, debémosllo'. Pero eu non quero a vosa esperanza, non quero que
esteades esperanzados. Quero que entredes en pánico, que sintades o medo que eu
sinto cada día. E despois quero que actuedes, como se estiverades en crise.
Quero que actuedes como se a casa estivera en chamas, porque o está".
Quixera relacionar estas dúas realidades:
a do libro e a dos mozos e mozas que están loitando e reivindicando o coidado
do noso medio. Stephen Hawking, un dos físicos teóricos máis brillantes desde
Einstein que faleceu o pasado ano 2018, deixa claro neste libro divulgativo que
é necesario coñecer para tomar conciencia. E, nun afán de espallar a
información científica de forma máis amena, escribe unha historia na que o pequeno
Georges acabará descubrindo que é posible entender e amar a ciencia e o
universo. Iso si, desde o primeiro intre, o libro contén certos debates nos que
se pon en entredito a función da ciencia.
“A ciencia é algo extraordinario e
fascinante que nos axuda a comprender o mundo que nos rodea e todas as súas
marabillas […] Entón, como pode ser iso ciencia se a ciencia está matando o
planeta e todo o que o habita?”
Hai que entender que a os avances
científicos son positivos pero na súa xusta medida, sempre que se utilicen para
o ben da humanidade e non de forma malévola. Ante estas dúas realidades, só
queda a toma de conciencia, e niso pon o foco este libro, a través dos
descubrimentos que realiza o protagonista e a súa compañeira, un camiño non
exento de dificultades e con moitas aventuras.
Estamos, pois, diante dun libro que
abre mentes, que nos fala de maxia, que nos fai sentir curiosidade pola
ciencia e pola diversión coa que se pode realizar a aprendizaxe sobre os
buratos negros, as estrelas, os planetas, os cometas… E é que o universo pode
ser marabilloso e só temos que atopar as claves para entendelo e amalo. Moi
necesaria esta proposta, sobre todo, pola súa capacidade para captar a atención
dos máis pequenos e pequenas, e idónea para empregar como método de estudo.
“O noso planeta é extraordinario e é noso.
Formamos parte del, estamos feitos da súa mesma materia, por iso debemos
coidalo [...] Debemos deixar de maltratar a Terra [...] Porén, debemos facelo
todos ou non servirá de nada, a nosa querida Terra acabará destruída”.
Resulta emocionante ver a evolución dos
personaxes e as súas reflexións coas que os lectores e lectoras nos
identificamos á perfección, quizais porque, en maior ou menor medida, tod@s sentimos esa necesidade por saber que
ocorre no mundo, e a ciencia eríxese como o instrumento que mellor nolo
pode explicar.
“A ciencia é moi importante. Sen a ciencia
nada ten explicación e, polo tanto, como imos facer as cousas ben ou tomar as
decisións correctas? Algúns cren que a ciencia é aburrida, outros que é
perigosa, e tal vez sexa así cando non nos interesamos ou non queremos
aprender, ou cando non a utilizamos como é debido. Pero se nos esforzaramos un
pouquiño, descubririamos que é fascinante e moi importante para nós e para o
futuro do noso planeta”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario