Tensy Gesteira
A globalización vista dende a viaxe dun chaleco
Credes no poder das persoas? Pensades que é posible mudar o mundo con pequenas accións? O libro de La vuelta al mundo de un forro polar rojo, do autor alemán Wolfgang Korn demóstranos que si, que as persoas temos máis poder do que cremos, e fainos tomar conciencia de que as nosas decisións sempre teñen repercusión na sociedade.
Continuando coa aposta da II Feira da Ciencia e da Literatura polos libros que unan estas dúas disciplinas, hoxe presentámosvos un libro moi potente e orixinal, sobre todo porque é quen de falarnos da globalización e do que esta simboliza aproveitando a viaxe dun chaleco vermello polas diversas partes do mundo, desde que se fabrica ata que alguén o merca por catro patacóns. O que se nos vén a dicir é que hoxe en día todo o mundo está conectado, o que ten vantaxes mais tamén inconvenientes.
Comecemos polo inicio. O termo globalización deriva de globo, unha esfera que recrea o noso planeta e no que están representados todos os países e mares. O profesor de economía Theodore Levitt, americano nacido en Alemaña, acuñou en 1983 este termo que describe ata que punto toda a actividade económica do mundo é interdependente hoxe en día, dunha forma nunca antes vista, na que están en xogo obxectos, moda, música, diñeiro e, non o ides crer, ata ideas. Así, de boas a primeiras, o termo semella moi positivo para o ser humano, pero non todo é ouro o que reloce, pois a globalización está levando a un empobrecemento dos países subdesenvolvidos e un enriquecemento dos grandes poderes económicos que se aproveitan da situación. A iso hai que sumar a unificación de pensamento á que tende a sociedade, dado que desde grandes bloques como Estados Unidos trasládase que a súa cultura e idioma son os únicos válidos, e desvirtúanse as tradicións doutros pobos, sobre todo dos africanos, idea que se desenvolve máis polo miúdo en Los peligros de la historia única, de Chimamanda Ngozi Adichie.
E no medio deste avance das sociedades, o autor convídanos a realizar as nosas pequenas revolucións, con exemplos de persoas que apostan por instalar placas solares nas súas vivendas ou por mercar no comercio xusto. Precisamente esa humanización do contido e o estilo divulgativo fan deste libro un manual imprescindible para iniciarse no que significa a globalización e a responsabilidade que as persoas temos como catalizadores dun cambio que ten que darse desde abaixo.
Por último, e dado que esta feira pretende destacar o papel das mulleres, quixera facer unha mención á perspectiva feminista que está presente nalgunhas partes do relato, pois o autor é consciente, e así nolo transmite, de que as mulleres teñen unha loita máis dura ao partiren de situacións máis desfavorecidas. E senón pensemos nas fábricas de Bangladesh nas que traballan miles de mulleres, sometidas a condicións estremas e salarios ínfimos. Elas cosen sen parar roupa que nace de explotación e que se vende a prezos baratísimos neste primeiro mundo.
Ficha técnica
Título: La vuelta al mundo de un forro polar rojo
Autor: Wolfgang Korn
Editorial: Siruela
Año de publicación: 2017
Número de páginas: 135
Ningún comentario:
Publicar un comentario