-
SANTIAGO LOPO NA BIBLIOTECA
xoves, 10 de maio de 2018
"Non desbotedes nunca o que escribides na adolescencia, nunca se sabe cando podedes retomalo"
O pasado 3 de maio o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de compartir unha sesión con Santiago Lopo, autor de Hora zulú e A Diagonal dos Tolos, lecturas deste curso.
Contounos datos moi curiosos sobre como se lle ocorren as súas obras, a súa visita á illa da Reunión (onde transcorre a maratón extrema relatada n´A Diagonal dos Tolos), a escravitude, o paso do tempo, o deporte, a ecoloxía... Tamén nos dixo que nalgunha das súas obras recuperou textos que escribira na adolescencia que xa tiña case esquecidos.
Foi unha nova maneira de achegarnos á literatura, podendo contactar coa persoa da que xorde.
Velaquí algunhas opinións do alumnado sobre estas obras:
A Diagonal dos Tolos
"O libro está xenial. Encantoume como está redactado e non me aburría nin me cansei en ningún momento. Creo que todo está moi ben relacionado; a historia de Pierre e P., os paxaros Dodo...Gustoume máis a historia de P., pareceume moi interesante e encantoume coñecer como trataban os escravos daquela".
MARÍA BROCOS
"Esta obra gustoume non só porque fala de deportes, senón tamén pola forma de compaxinar a historia de Pierre coa do escravo P. O personaxe de Pierre gustoume moito polo afán de superación ademais da vinganza ao seu pai e o mérito que ten cumprir o reto adestrando só un par de meses".
VÍCTOR MALVIDO
Hora zulú
"A dicir verdade, había tempo que non lía un libro tan bo. Gustoume moito a estrutura e os cambios de historia, facía estar en constante atención á historia e non perder o fío. Pareceume extraordinario como o autor puido mergullar tantos datos reais nunha historia ficticia. Á parte de pasalo ben co libro, aprendín moitas cousas interesantes".
ANA MARIÑO
"O que máis me gustou foi como se contaban as historias que ao parecer non gardaban ningunha relación pero ao final se unen todas a raíz do Profesor, que é o tronco e o meu personaxe favorito, xunto con Ana, polo enxeño que ten. Faltoume unha contestación de Fran a todas as cartas de Ana para coñecer a súa opinión sobre o tema".
MARTA BARREIRO
"Penso que é un libro interesante porque sempre mantén a intriga e realmente cando o lin púxenme a pensar como foi que o Profesor chegara á costa e, sobre todo, quen era en realidade. Este é o meu personaxe favorito porque era máis intelixente ca os psiquiatras aínda que supostamente estivese tolo. Aínda que ás veces os seus discursos me resultasen aburridos, si que se deberían ter en conta algúns, especialmente os relacionados coa ecoloxía.
Hora zulú non é só unha hora entretida sobre enfermos mentais e os seus pasados, senón que tamén serve para reflexionar sobre diferentes temas políticos, ecolóxicos, científicos e filosóficos".
DANIEL OTERO
Publicado por Lucía ás 11:26:00 | Etiquetas: A Diagonal dos Tolos, Biblioteca., Departamento Lingua e Literatura Galega, Hora zulú, IES Johan Carballeira, Santiago Lopo | Enviar por correo electrónico BlogThis! Compartir en Twitter Compartir en Facebook |
0 comentarios:
Publicar un comentario