xoves, 30 de outubro de 2025

Hoxe celebramos o II Concurso de epitafios

Creatividade, humor e un toque de misterio polo Samaín

A Biblioteca do IES Johan Carballeira volve converterse, por uns días, nun pequeno cemiterio literario. Dentro das actividades de Samaín, celebramos o II Concurso de Epitafios, unha proposta que combina imaxinación, humor e expresión literaria.

O alumnado elaborou os seus propios epitafios orixinais, breves textos que xogan coa ironía, a reflexión ou o sarcasmo, acompañados das súas lápidas personalizadas, creadas con todo detalle e moita creatividade.

As obras están expostas na biblioteca, transformando o espazo nun auténtico paseo entre versos e humor negro. Durante estes días, quen se achegue poderá gozar da exposición. Na xornada do xoves 6 calquera pode votar polos seus epitafios favoritos.

Parabéns a todo o alumnado participante por tanta orixinalidade… e por facer que ata os mortos resuciten de risa! 💀📚

📸 Deixámosvos aquí algunhas imaxes da exposición.

 








 

  

luns, 27 de outubro de 2025

Seguimos celebrando o Día das Bibliotecas coas máis bonitas

Aínda coa emoción do venres pasado (o Día das Bibliotecas), queremos seguir rendéndolle homenaxe ás bibliotecas do mundo. Hai lugares que son auténticos templos do saber, espazos que combinan arquitectura, arte e paixón polos libros.

📚 Neste artigo que compartimos podes descubrir as 10 bibliotecas máis fermosas do mundo, dende as máis antigas e monumentais ata as máis modernas e vangardistas. Son un recordatorio de que a lectura é tamén unha viaxe a través dos espazos e do tempo.

👉 Ler o artigo completo

E para acompañar esta viaxe, deixámosche unha fotografía da nosa biblioteca: máis modesta, pero igual de chea de vida, palabras e historias.
Porque non hai biblioteca pequena cando está habitada por lectoras e lectores.


 

venres, 24 de outubro de 2025

24 de outubro: Día das Bibliotecas

Dende 1997 celébrase cada 24 de outubro o Día das Bibliotecas, unha conmemoración que comezou impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil e á que se foron sumando co tempo o Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.

Este ano, a Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura propón o lema Contra a desinformación: bibliotecas, destacando así o papel esencial que todas as bibliotecas —públicas, escolares, universitarias, especializadas ou nacionais— teñen na loita contra a desinformación. 


As bibliotecas non son só lugares para atopar libros ou prensa, senón tamén espazos que nos ensinan a empregar con criterio as novas tecnoloxías, a buscar fontes fiables e a distinguir información veraz fronte a bulos. O traballo do persoal bibliotecario é clave: actúa como guía e garante para que a comunidade dispoña de información contrastada e segura.

No noso contexto, as bibliotecas escolares galegas convertéronse nun recurso imprescindible para a formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida, en liña coa Axenda 2030 e co compromiso de que ninguén quede atrás. A biblioteca escolar é, ademais, a primeira porta de entrada ao mundo das bibliotecas: o lugar que nos ensina a usar outras, que nos pon en contacto coas públicas e que nos amosa que sempre temos unha biblioteca preto de nós.

No IES Johan Carballeira queremos sumarnos a esta celebración lembrando que a nosa biblioteca é un espazo aberto a toda a comunidade educativa: un lugar de encontro, aprendizaxe, creatividade e confianza. Contra a desinformación, e a favor dunha educación crítica e responsable, as bibliotecas somos un piar fundamental.

mércores, 22 de outubro de 2025

Coñece E-LBE.2, unha biblioteca en liña

A Asesoría de Bibliotecas Escolares organiza un novo seminario web para familias, centrado nas posibilidades que ofrece E-LBE.2, a ferramenta dixital de lectura e préstamo electrónico do programa de bibliotecas escolares de Galicia.

🗓 Data: mércores 29 de outubro
🕕 Hora: de 18:00 a 18:45

Durante esta sesión presentarase un conxunto de ferramentas de accesibilidade e recursos pensados para facer da lectura unha actividade compartida en familia. Será unha boa ocasión para descubrir como axudar ás crianzas a ler máis, mellor e con máis autonomía.

📍 Podes inscribirte premendo na ligazón de participación: Apúntate aquí

Anímate a participar e continúa facendo da lectura unha experiencia para compartir na casa!

 


luns, 20 de outubro de 2025

Concurso: De quen é esta biblioteca?

O 24 de outubro imos celebrar o Día das Bibliotecas, e no IES Johan Carballeira queremos facelo dun xeito divertido e participativo. Este ano propoñémosche un concurso moi especial: De quen é esta biblioteca?

Na entrada do instituto atoparás unha exposición de fotografías das bibliotecas persoais de varios docentes do centro. Cada unha amosa unha pequena parte da súa personalidade lectora: o tipo de libros que colecciona, a forma en que os organiza ou mesmo os obxectos que os acompañan.

O reto consiste en acertar a quen pertence cada biblioteca. Podes participar observando as imaxes expostas e introducindo a túa folla de respostas na urna. O prazo remata o venres 24 no recreo.

🏆 A persoa gañadora será quen máis acertos consiga… e levará un pequeno premio lector!

Anímate a participar e a descubrir o lado máis lector do profesorado. Porque detrás de cada estante hai unha historia, e detrás de cada libro, unha persoa que o fai seu.

 






luns, 13 de outubro de 2025

Día das Escritoras 2025

📖 O luns máis próximo ao 15 de outubro celébrase o Día das Escritoras, unha data promovida pola Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas. Este ano esa data é o luns 13.

O seu obxectivo é recoñecer o labor das mulleres na literatura e loitar contra a discriminación que, ao longo da historia, silenciou tantas voces femininas. A esencia desta celebración é reivindicar as palabras das escritoras, lembrar o seu legado e descubrir novas voces que seguen transformando o mundo desde a literatura.

Na Biblioteca do IES Johan Carballeira sumámonos a esta celebración con lecturas, exposicións e recomendacións de autoras galegas, españolas e internacionais. Poesía, narrativa, ensaio, divulgación ou banda deseñada: múltiples camiños para expresar o talento das mulleres que escriben.

👉 Pásate pola biblioteca e bota unha ollada á nosa selección de títulos: atoparás obras para emocionarte, pensar e descubrir perspectivas que enriquecen o noso modo de entender o mundo.

👍 Queremos agradecer ao IES Lamas de Castelo que modificase e traducise ao galego o logo oficial proposto para esta edición pola Biblioteca Nacional. É o que podes ver un pouco máis arriba.




 

martes, 7 de outubro de 2025

Comeza a Hora de Ler

Un curso máis, o IES Johan Carballeira participa na iniciativa da Hora de Ler, un tempo semanal que todas as clases dedican á lectura individual. Son 20 minutos por sesión, ao principio ou ao final da clase, para que cada estudante poida desconectar, concentrarse e deixarse levar polas páxinas dun libro.

O luns 13 de outubro comezamos con esta rutina. Lembrádeo para traer o libro que máis vos apeteza. 

 

A lectura diaria é un hábito que trae múltiples beneficios: mellora a fluidez, enriquece o vocabulario, potencia a imaxinación e contribúe a formar un pensamento crítico. Non importa o que leas —novela, poesía, banda deseñada, divulgación— o importante é que o fagas con gusto.

Na biblioteca temos moitas opcións para escoller: podes traer o teu libro da casa, collelo en préstamo na biblio ou empregar un dos exemplares do armario da aula.

Lembrade: a lectura é obrigatoria, pero tamén é un pracer. Canto máis les, máis ganas tes de seguir lendo.

 

 

xoves, 2 de outubro de 2025

O recuncho dos xogos de mesa, un clásico da nosa Biblioteca

Entre todas as actividades que se desenvolven na Biblioteca do IES Johan Carballeira, hai unha que sempre destaca polo éxito e a participación: o recuncho dos xogos de mesa.

Dende hai tempo, este espazo é un punto de encontro durante os recreos, no que o alumnado vén xogar, divertirse e compartir tempo cos seus compañeiros e compañeiras. Pero non se trata unicamente dun pasatempo: os xogos de mesa axudan a mellorar a estratexia, a cooperación, a concentración e, sobre todo, favorecen a convivencia.

A boa acollida que sempre teñen demostra que aprender tamén pode ser lúdico e que a biblioteca é moito máis ca un lugar para ler: é un espazo vivo, aberto e participativo.

Se aínda non xogaches, convidámoste a probar: seguro que atopas un xogo axeitado para ti. Temos bastante variadade. E, se non, achégate a quen estea de garda na biblioteca para preguntar polos xogos que máis che gustan. Igual podemos compralo!