martes, 21 de marzo de 2023

Dia Mundial da Poesía

Hoxe, 21 de marzo, coma todos os 21 de marzo dende o ano 1999, é o Día Mundial da Poesía. Dende o equipo da Biblioteca non puidemos resistirnos á tentación de sumarnos aos festexos, e mirade que vídeo tan fermoso elaborou o alumnado de 3.º ESO. Súas son as voces, mentres que o texto é de Chus Pato




venres, 17 de marzo de 2023

Satisfacción coa visita das avoas

A semana pasada compartimos unha actividade realizada no centro co gallo do 8M, relacionada con mulleres traballadoras.

Como parte desa actividade en 1.º ESO varias avoas viñeron compartir con nós as súas experiencias. Velaquí un texto que elaboraron posteriormente Martín, Blanca, Leo, Martina e Violeta, de 1.º A, co que nos achegan a súa reflexión sobre a dita actividade.

<<O mércores 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, a clase de lingua foi moi diferente a como a facemos normalmente, pois tivemos a visita de Ana, a avoa de Carla, e de Gloria, a bisavoa de Sara. Nas clases anteriores preparamos os temas e as preguntas e contáronnos cousas moi curiosas, como que comezaron a traballar aos 14 anos ou casaron con 18 e 20 anos. Os seus castigos na escola eran unha tortura, porque lles daban coa regra ou lles poñían libros nos brazos abertos en cruz. Ao escoitar o que nos dixeron, decatámonos de canto cambiou a vida nuns anos e pensamos no ben que vivimos hoxe en día. Foi unha experiencia moi bonita e encantaríanos repetir porque aprendemos moito e déronnos unha gran lección de vida.>>

 







 

 

 

 

sábado, 11 de marzo de 2023

Mulleres traballadoras

Co gallo da celebración do 8M no centro estivemos moi ocupadas: por un lado algúns grupos (de 3.º ESO, 4.º ESO ou o de adultos) recibiron a varias mulleres traballadoras que concederon "roldas de prensa profesionais", e por outro lado en 1.º ESO varias avoas viñeron compartir con nós as súas experiencias.

Pola parte que nos toca, tan só nos queda expresar a nosa humilde e sincera gratitude a todas as mulleres traballadoras que viñeron esta semana contarnos as súas moi interesantes vivencias. Grazas de corazón!











venres, 3 de marzo de 2023

Roldas de prensa profesionais

Achégase a Semana do 8 de marzo, que dende hai anos vén sendo o Día Internacional da Muller, e o equipo da Biblioteca organiza un gprograma de charlas e actividades destinado ao noso alumnado. Neste caso centrámonos nos grupos de 3.º A e 4.º da ESO, 2.º Bacharelato A e .4º da ESA; recibirán a visita de mulleres con distintos oficios para falar con elas sobre como chegaron até aí, en que consiste o seu traballo, se sufriron ou sofren algunha discriminación polo feito de seren mulleres e todo aquilo que teña que ver con esas cuestións. Ídevos preparando para aproveitar ao máximo esas charlas, que a ben seguron han resultar de grande interese!