venres, 28 de outubro de 2022

Os epitafios, vistos para sentencia

Hoxe venres 28 remataba o prazo para a entrega dos epitafios. Un concurso que se anunciaba neste mesmo blog a semana pasada, e que obrigou ao alumnado a sacar o máximo partido do seu enxeño. Por sorte, foron moitas as que o conseguiron.

Con case medio centenar de participantes, o labor do xurado está sendo titánico, hercúleo, e contan as lendas que algún dos seus membros se atopa agora mesmo vagando polos corredores, a modo de zombi: mirada perdida, andar errático, palidez nívea. Por favor, se atopades a alguén nese estado, axudádelle a regresar á biblioteca, onde inexorablemente debe decidir a súa selección por moi complicado que resulte escoller entre tal abano de opcións.

Os epitafios están expostos na biblioteca, e así todo o mundo pode pasar por alí para gozar da imaxinación do noso alumnado. Hainos de moitos tipos: divertidos, retranqueiros, reflexivos, ecoloxistas, artísticos... para todos os gustos, vaia. Velaquí unha mostra, pero non te contentes coa foto e visita a exposición para degustalos in situ. Deixarémolos a semana que vén nese mesmo sitio para que ninguén quede sen a oportunidade de coñecer estes magníficos exemplares.








sábado, 22 de outubro de 2022

Celebrando o día das Bibliotecas

Chega xa o luns 24 de outubro. Non é un día calquera, non. Cada 24 de outubro celebramos o día das Bibliotecas, con sincera alegría e con inevitable certo rebumbio.

Neste ano 2022 o fío condutor é BiblioTEcuida, e o cartaz conmemorativo foi elaborado pola fantástica artista gráfica Xulia Vicente. Se non coñeces o seu traballo, pincha sobre o seu nome e prepárate para marabillarte.



A idea de BiblioTEcuida nace para destacar o papel das bibliotecas coma espazos abertos e libres que se preocupan por atender ás persoas mediante diversos servizos e recursos procurando ser sempre integradoras.

Calquera membro da comunidade educativa pode achegarse á Biblioteca do IES Johan Carballeira e procurar algunha opción que lle preste, que entreteña e enriqueza. Que non a atopas? Ponte en contacto con alguén do equipo da biblioteca, estaremos encantados de asistirte no proceso de busca para que non quedes coas mans -e a mente- baleiras.

Pensa que a lectura ten o poder de impactar directamente no desenvolvemento e no mantemento das capacidades cognitivas dunha persoa, o cal redunda no seu benestar e na súa saúde mental. Aproveitemos este día de celebración para manifestar o noso amor polos libros, e para visibilizar e destacar o importante rol que asignamos ás bibliotecas.

xoves, 20 de outubro de 2022

Concurso de epitafios

Sabes que é un epitafio? Non? Seguro que non? Aínda estás a tempo de buscalo en Google, bule!

E se non o sabes, xa cho contamos aquí: basicamente, un epitafio é un texto que honra un defunto, e adoita estar inscrito sobre a súa tumba. Na Billy Wilder, por exemplo. Sabes quen era?



Pois ben, dende a Biblioteca organízase para esta semana un CONCURSO DE EPITAFIOS. Para saber como participar, velaquí tes as bases:


Se precisas un chisco máis de información sobre os epitafios, ou simplemente queres ler algúns xa existentes para coller inspiración, preparamos un pdf para tal fin.

Pincha aquí para acceder ao documento


Así que xa sabes, dálle ao maxín e anímate a participar. E non esquezas entregar a túa proposta o venres día 28 ás 10:30 na Biblioteca. Haberá regalos para os tres mellores e, máis importante aínda, a oportunidade de dar vía libre á túa creatividade. Moita sorte!

domingo, 16 de outubro de 2022

Día das escritoras 2022

Dende o ano 2016 vense celebrando o Día das Escritoras. Unha vez ao ano, no luns máis próxima á data do 15 de outubro, data esta última na que se celebra a festividade de Teresa de Ávila. Nesta ocasión, celebrámolo o luns 17 de outubro.


Con esta conmemoración o que pretendemos é mostrar o legado das mulleres escritoras, visibilizar os seus traballos e loitar pola eliminación da discriminación que veñen sufrindo ao longo da historia.

Ao abeiro destes obxectivos, na Biblioteca do IES Johan Carballeira decidimos colocar unha mesa, na entrada do instituto, na que amosar unha colección de libros todos eles escritos por mulleres. Son só un feixe, hai moitos máis, e son fantásticos, marabillosos, engaiolantes. 

Atrévete a entrar na Biblioteca e tomar emprestado algún exemplar, e se non sabes cal é o que máis che acae, non dubides en pedir recomendacións a algunha compañeira ou compañeiro ou ao profesorado. Paga a pena.



luns, 3 de outubro de 2022

O catálogo da biblioteca, por fin en liña

Grandes novas chegan á nosa biblioteca, mediante fantásticos avances que permiten as novas tecnoloxías. Grazas ao traballo das Bibliotecas Escolares de Galicia, dende agora todo o mundo ten acceso en liña ao noso catálogo de fondos. Para acceder a el, o único que tes que facer é pinchar neste enlace.


  • Queres saber se temos ese libro que estás desexando ler? Pois agora podes consultar non só se o temos, tamén se está dispoñible ou non para que o poidas levar á túa casa!


  • Queres estar ao tanto das novas adquisicións porque che gusta ler as últimas novidades? Pois cun par de clicks podes revisar as últimas incorporacións ao catálogo.

  • Queres descubrir cales son os libros que máis veces se prestaron na nosa biblioteca? Pois esa funcionalidade xa está dispoñible para satisfacer a túa curiosidade.