Rss Feed
  1. Actividades para celebrar o Día da Paz

    sábado, 11 de febrero de 2017

    O pasado luns 30 de xaneiro celebrouse o Día Escolar da Paz e Non Violencia.

    Trátase dunha conmemoración instituída en España en 1964 co obxectivo de impulsar unha educación non violenta e pacificadora de carácter permanente. A data escolleuse para rememorar o asasinato do pacifista Mahatma Gandhi (1869-1948), quen loitou por unha India independente dun xeito inusual: dende a práctica exemplar da non violencia e a resistencia pacífica contra os abusos que sufría o seu pobo.

    Resultado de imagen de gandhi foto

    "Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño"


    O noso instituto participou moi activamente nas celebracións polo Día da Paz e a Non Violencia.
    Case todo o alumnado e moitos profesores involucráronse para desenvolver todos os actos que dende o luns e durante toda a semana se programaron no centro.


    Para comezar, grazas a un grupo de voluntarios armados de tesoiras e paciencia, os andeis da biblioteca enchéronse  de simbólicas pombiñas brancas de papel. Un floreiro con pólas de olivo veu completar a decoración do noso espazo de referencia.




    Como xa vos contamos nun post anterior, e tal e como saiu publicado na edición local do Faro de Vigo, os alumnos de 4º ESO percorreron as rúas de Bueu repartindo globos e apertas de balde entre os veciños do pobo.

    Visitaron aos pequerrechos da Galiña azul e da Escola de Educación Infantil A Pedra, aos anciáns dos Centros de Día Contigo e Pescadoira, e incluso foron recibidos polo equipo do goberno local, co alcalde e a concelleira de cultura ao frente, no edificio do concello.

     




    Ademais, os paneis da entrada do instituto albergaron unha exposición sobre Gandhi e a orixe da celebración do día da Paz, a historia da pomba de Pablo Picasso, unha colección de poemas sobre a paz de moi diversos autores e unha especial proposta, levada a cabo en colaboración co Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística, bautizada coma "A Arte da Paz".




    "A Arte da Paz" ven completar o amplo abano de actividades que durante este curso, seguindo as directrices do PLAMBE, están convertindo a nosa biblioteca en Territorio das Artes. Pero, ademais, quere propor ao espectador un orixinal xogo de verbas co título do afamado libro "A Arte da Guerra".

     
    A actividade consiste nunha reinterpretación do cadro de Picasso O Guernica, na que cada un dos elementos principais foi substituído por un collage realizado a partir de imaxes que suxiren o significado que o autor lle quixo dar ou fan referencia ao tema da guerra e a paz.

    Todo o alumnado do centro, dende as súas respectivas titorías, colaborou na súa elaboración recompilando as imaxes de recheo. 
    Algúns tamén axudaron a facer os moldes dos elementos principais que servirían despois de base para o collage, e outros botaron unha man compoñendo os collages, recortando ou pegando.

     

    O sorprendente resultado final pódese apreciar no panel central da exposición.




      

       






    Ademais, o equipo de alumnos voluntarios da biblioteca montou unha exposición paralela na que un por un aparece descifrado o significado e interpretación dos símbolos e figuras destacadas desta obra emblemática de Picasso.







    Reacciones: 
    |
    |


  2. 0 comentarios:

    Publicar un comentario