luns, 19 de xaneiro de 2026

A Hora de Ler no 2.º trimestre

📖 20 minutos para ler, pensar e medrar

Co inicio do 2.º trimestre, no IES Johan Carballeira retomamos a Hora de Ler, unha actividade que forma parte da nosa aposta polo fomento do hábito lector.

Cada grupo dispón de 20 minutos por clase para a lectura individual, un tempo pensado para favorecer a concentración, a calma e o pracer de ler sen présas. A lectura regular contribúe a mellorar a comprensión, ampliar o vocabulario e desenvolver o pensamento crítico.

📚 Para a Hora de Ler podes traer o teu libro da casa, collelo en préstamo na biblioteca ou escoller un exemplar do armario da aula. O importante é ler e facelo con continuidade.

A Hora de Ler é un pequeno xesto diario que axuda a construír grandes lectores e lectoras. Seguimos lendo, seguimos medrando.


 

domingo, 18 de xaneiro de 2026

Entrega de premios do Torneo de Xadrez

🏆 Remata o torneo na BiblioCarballeira

A BiblioCarballeira acolleu esta semana a entrega de premios do Torneo de Xadrez que se desputou en decembro, poñendo punto final a unha actividade que durante varios días encheu a biblioteca de silencio, concentración e pensamento estratéxico.

As partidas disputáronse durante os recreos, cunha notable participación do alumnado e nun ambiente de respecto, compañeirismo e deportividade. Cada movemento contou, e non faltaron finais axustados nin partidas memorables.

Na entrega de premios recoñeceuse o esforzo das persoas gañadoras, pero tamén a implicación de todo o alumnado participante, que fixo posible un torneo dinámico e moi ben acollido.

📸 Compartimos algunhas imaxes deste peche do torneo (podedes ver a Andrés e a André, os dous primeiros clasificados, xunto co profesor organizador, Venancio), que confirma unha vez máis que a biblioteca é tamén un espazo para xogar, pensar e aprender doutro xeito.

 



luns, 12 de xaneiro de 2026

Libros de balde na BiblioCarballeira

📚 Dálle unha nova vida aos libros do expurgo

Na BiblioCarballeira puxemos á disposición da comunidade educativa unha selección de libros procedentes do expurgo da biblioteca. Son exemplares que xa non forman parte do fondo activo, pero que seguen tendo moito que ofrecer como lecturas persoais.

📖 Estes libros poden levarse libremente e de balde. Non é necesario rexistro nin préstamo: basta con achegarse, botar unha ollada e escoller os títulos que máis che apetezan.

Son libros que poden atopar unha segunda vida noutras mans e noutros fogares. Porque un libro segue sendo útil mentres alguén o lea.

📍 Pásate pola biblioteca e descubre que historias te están esperando.


 



xoves, 11 de decembro de 2025

Club de Lectura do Profesorado

📖 Compartindo lecturas, ideas e conversas na BiblioCarballeira

A BiblioCarballeira tamén é un espazo de encontro para o profesorado, que este curso participa nun club de lectura propio no que a lectura se converte en punto de partida para conversar, reflexionar e gozar da palabra compartida.

Escollemos diferentes obras, procurando que nos axude a pensar o mundo, a educación e a vida dende perspectivas diversas. Nesta ocasión lemos 👉 Panza de burro, de Andrea Abreu.

As sesións de lectura son momentos de calma e diálogo, nos que deixamos por un intre o ritmo das aulas para falar de libros, personaxes e emocións, pero tamén para seguir aprendendo xuntos e tecer comunidade arredor da literatura.

📚 A lectura é un pracer que medra cando se comparte… e na BiblioCarballeira facémolo realidade tamén entre profesoras e profesores.


 

venres, 5 de decembro de 2025

Boas festas con lecturas da BiblioCarballeira

🎅 Xa se achegan as vacacións de Nadal!

A porta da BiblioCarballeira xa anuncia o espírito destas datas: libros, ilusión e boas lecturas para compartir. Este Nadal queremos acompañarte tamén fóra do instituto cunha selección especial de títulos para todas as idades e gustos.

Dende novelas que emocionan ata relatos curtos para ler ao carón do lume, cómics, poesía ou divulgación científica… hai un libro perfecto esperando por cada lector e lectora.

📚✨ Podes consultar a nosa lista de recomendacións de Nadal premendo nesta ligazón 🔗 As nosas lecturas para o Nadal

Lembra: se queres levar un libro en préstamo antes das vacacións, entra na biblioteca e notifícallo á persoa de garda. E se non che acae ningunha das recomendacións, pide consello na biblio que seguro que atopamos algo que che guste.

🎄 Que este Nadal veña cheo de boas lecturas e mellores historias!


 

xoves, 4 de decembro de 2025

Torneo de Xadrez na BiblioCarballeira

♟️Estratexia, concentración e moita emoción entre taboleiros.

A BiblioCarballeira converteuse esta semana nun auténtico campo de batalla… pero de ideas. Estamos a celebrar o noso Torneo de Xadrez, unha das actividades máis agardadas e con maior participación entre o alumnado.

Durante os recreos, a biblioteca encheuse miradas concentradas e movementos medidos. Cada partida é un reto: pensar con calma, anticipar o que vai facer o rival e atopar o xeque mate perfecto.

O torneo está a reunir xogadores e xogadoras de distintos cursos, nun ambiente de respecto, compañeirismo e moita deportividade. E, por suposto, tamén de nervios e diversión!

Nos próximos días coñeceremos as persoas gañadoras, pero o máis importante é o espírito que se respira: o xadrez como forma de aprender a pensar, decidir e compartir.

📸 Deixámosvos algunhas imaxes do torneo en marcha e animámosvos a achegarvos á biblioteca para seguir as partidas finais.

 






martes, 25 de novembro de 2025

25N: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

💜 O alumnado reinterpretou Baldosas, de Carlos Negro, e encheu o vestíbulo de voces contra a violencia machista

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o alumnado do IES Johan Carballeira participou nunha actividade de creación literaria inspirada no poema Baldosas, do escritor galego Carlos Negro.

A proposta consistiu en tomar como punto de partida os versos do autor e elaborar pequenas pezas poéticas propias, textos breves que transforman o chan cotián das “baldosas” en espazo simbólico para a denuncia, a reflexión e o compromiso.

O resultado é unha colección de textos intensos, valentes e cheos de sensibilidade, nos que o alumnado converteu a palabra en ferramenta contra a violencia machista. As creacións quedaron expostas no vestíbulo do instituto, construíndo un corredor de voces que interpelan, emocionan e fan pensar a quen pasa por alí. Tamén se proxecta un vídeo elaborado a partir de parte destas propostas.

📍 Agradecemos ao alumnado a súa implicación e creatividade, e animamos a toda a comunidade educativa a visitar a exposición, ler con calma cada proposta e continuar sumando pasos para unha sociedade máis xusta e libre de violencia.

🔗 Podedes ver o vídeo que montamos cunha selección dos poemas nesta ligazón: https://youtu.be/dsVK7pdHk9A